EZEQUIEL MÉNDEZ RESCATA DÚAS OLLADAS SOBRE A COMPOSTELA DE 1967

“Pecado de lesa compostelanidade” cinematográfica

“Pecado de lesa compostelanidade” cinematográfica
O cineasta Claudio Guerín Hill durante unha rodaxe. Foto: Festival Curtocircuíto.
O cineasta Claudio Guerín Hill durante unha rodaxe. Foto: Festival Curtocircuíto.  

O simple rexistro da realidade é, ás veces, a toma de partido máis contundente. O cinema, que naceu gravando os obreiros á saída da fábrica, sábeo. Tamén o sabía Claudio Guerín Hill cando, en 1967, rodou por encargo da Televisión Española un documental sobre Compostela. O escándalo maiúsculo provocado pola súa emisión só remitiu cando a canle pública retrucou con outra obra, esta a cargo de José Luis Font.
 


“O filme de Guerín causou un enorme malestar, e obtivo unha resposta mancomunada das forzas vivas”, relata Ezequiel Méndez (Compostela, 1941). Fundador do primeiro cineclube de Galiza na Compostela de inicios dos 60, axiña convertido en foco de axitación cultural e política, lembrou esta historia na sección Carta Branca do Festival Curtocircuíto, programada por el este 3 de outubro e na que se proxectaron as dúas fitas.

A polémica foi formidábel. Méndez viuse no corazón da mesma. Tanto que nun pleno municipal o daquela alcalde chegouno a acusar de “pecado de lesa compostelanidade”. O motivo? Defender publicamente a obra de Guerín Hill. Esta encadrábase dentro dunha serie televisiva Conozca usted España. O formato incluía un guión literario a cargo dun escritor do lugar —neste caso correspondeu a Filgueira Valverde— e un cineasta que o intepretaba con relativa liberdade. Así o fixo Claudio Guerín.

josé luis font - foto curtocircuíto

“Realizou un documental inspirado na Escola Británica de Documental e con rastros de free cinema”, fai memoria. Pola metraxe desfilaba a Compostela realmente existente en 1967. E iso foi o que amolou nas altas intancias. “Aparecían, por exemplo, as Marías, e iso non podía ser. Ou as vellas vendendo queixos e verduras. Ou os acólitos xogando fútbol sobre as tumbas dos cóengos”, explica. O real máis ou menos espido era intolerábel para as clases dominantes compostelás.

“Non era un documental tipo postal”, sinala Méndez, “e iso amolou moitísimo”. Non só. Perante a cámara de Guerín Hill —sevillano de nacemento que morrería ao caer desde a torre da igrexa de Noia nunha rodaxe en 1973— pasaban o propio Filgueira Valverde, o reitor da Universidade Ángel Echeverri, estudantes por todas partes ou o cardeal Quiroga Palacios. Pero non o alcalde, Francisco López Carballo. “Iso tampouco lle debeu facer graza”, di. E comezou a ofensiva reaccionaria.

Ofensiva reaccionaria


As cartas sucedíanse nos xornais. Especialmente belixerantes se amosaron os asiduos de El Correo Gallego. Un lector chegou a esixir unha “queima pública” do documental. O coñecido franquista Luis Moure Mariño tamén tomou a pluma desde La Voz de Galicia. Ezequiel Méndez, que contaba 26 anos, arrepúxose e en La Noche defendeu a posición Guerín Hill. “Publicaron o meu texto, pero cunha nota en que expuñan que a dirección do xornal estaba en contra do filme”, asegura.

Aquela axitación das forzas vivas só rematou cando Televisión Española atendeu ao seu malestar e encargou a réplica. José Luis Font, “un home da casa”, foi o escollido para ofrecer a versión postal de Compostela. Tirou de dous escritores adeptos ao Réxime, aínda máis adeptos que Filgueira, se cabe: Carlos Martínez Barbeito —un dos que arrasou coa biblioteca de Juan Ramón Jiménez no Madrid da Guerra Civil— e Eugenio Montes, “intelectual primorriverista”.

“Había que ter unha sensibilidade moi xacobea para se ofender co filme de Guerín”, lembra con certa sorna Ezequiel Méndez. O filme de Font foi apagando a virulenta polémica. Méndez recuperouna para o Curtocircuíto que organizou a sesión dobre en colaboración co actual Cineclube de Compostela. “Agora vese doutro xeito. É o testemuño dun altercado teórico” con consecuencias sociais, conclúe, “e resulta curioso que o xulgue outro público compostelán 50 anos despois”.

Nota: fotograma do filme de José Luis Font sobre Santiago de Compostela cedida polo Festival Curtocircuíto.



x