Pecha o proxecto Escoitar.org dez anos despois da súa creación

Pecha o proxecto Escoitar.org dez anos despois da súa creación
Gravación de la video-acción “Armas Sónicas”
Gravación de la video-acción “Armas Sónicas”  

En 2006 creábase o proxecto Escoitar.org, un mapa sonoro colaborativo onde calquera podía deixar de forma xeolocalizada os sons que gravaba. 


Tratábase de rexistrar o noso patrimonio sonoro. O son dos barcos da Illa da Arousa ao saír do peirao, as badaladas da Berenguela, a cola de Cineuropa, o tráfico nunha rúa da Coruña... “Sempre tratamos de evitar a mera acumulación abríndoo, ofrecendo a posibilidade de valorar de forma colaborativa a relevancia da paisaxe sonora en diálogo con quen o escoita e producen. Un arquivo colectivo e aberto”, din na súa mensaxe de despedida.

Un adeus que explican así: “despois de múltiples intentos de solicitar apoios que fixesen sustentable o mantemento desta ferramenta, e non querendo resignarrnos a que vague inerte e estéril como un cadáver dixital, decidimos devolver os seus sons á vida, á súa esencia transitoria. Cremos que igual que a súa elaboración, a súa desaparición debe ser froito dun acto colectivo e compartido”.

E así está a ser a morte de Escoitar.org, lenta, pero poética e performativa. Cada vez que se escoita unha das máis de 1.200 gravacións que abeiraba, esta desaparece. “Desaparecerá como son que é, será de novo algo máis que un arquivo, será un acontecemento”.