ANTÓN LOPO, ESCRITOR E EDITOR

“O pensamento e a escrita e a arte son sobre todo un exercicio de sentido do humor”

“O pensamento e a escrita e a arte son sobre todo un exercicio de sentido do humor”
[Imaxe: Tonio Arias] Antón Lopo
[Imaxe: Tonio Arias] Antón Lopo  

Extraordinario (Galaxia, 2018) é unha historia de emancipación. De opresión e liberdade. De identidades sufocadas e ningún medo a voar. O relato en primeira persoa da construción dunha vida non dominada. A novela que lle valeu a Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) o premio Narrativa Breve Repsol tamén se pode ler, explica o autor, “como un longo poema en prosa”. Que, dalgunha maneira, engade, arremeda o conto do parrulo feo. “Subxace a cuestión do monstro”, afirma a Sermos Galiza, “porque o monstro tamén é extraordinario, aquilo que non encaixa na idea obvia de normalidade. O artista, por exemplo”. Fundador da editorial de poesía Chan da Pólvora hai case tres anos, poeta, performer, as estratexias artísticas de Lopo non respectan ningunha fronteira. Eis un extracto da entrevista publicada no número 332 de Sermos Galiza.


6Que é Extraordinario?

Tentei escribir Extraordinario como alguén que lle conta a súa vida a outra persoa durante unha viaxe compartida en tren, nun avión intercontinental, en barco. Neste caso, o traxecto é un libro. A novela ten unha aparencia sinxela. Quería que a lectura se puidese facer de corrido e que fose envolvente. Non sei se o conseguín. Ao mesmo tempo, procurei que houbese un subfondo de complexidade simbólica. Gústame pensar que é como esas imaxes ocultas, tridimensionais, que tanto me fascinan, nas que para ver a imaxe oculta tes que te concentrar en algo máis aló da túa vista. E tamén me gusta pensar que Extraordinario é un conto: unha especie de parrulo feo de Andersen con ese parrulo grande, desleixado, que resulta non ser un parrulo senón un cisne. Nesa idea de parrulo, ademais de subxaceren as cuestións da identidade e da diferenza, subxace a cuestión do monstro. Porque o monstro tamén é extraordinario, aquilo que non encaixa na idea obvia de normalidade. O artista, por exemplo. A historia desenvólvese nunha época concreta, o tardofranquismo.

Mais a novela non é para nada sinxela: a construción dos planos temporais, por exemplo, é complexa.

Talvez sinxela non sexa a palabra... O que en aparencia é moi natural –ben entendido, porque nada natural hai na literatura– era o intento de procurar esa lectura envolvente. Mais si, recoñezo que a estrutura, dentro da súa aparencia sinxela, é complexa, xoga co presente e o pretérito, coa memoria, enlaza aspectos... A gran viaxe que adoitamos facer é sempre unha viaxe ao pasado e en realidade o que se está facendo en Extraordinario é unha viaxe ao presente.

O corpo, como no seu último libro de poemas titulado xustamente Corpo (Xerais, 2018) e en boa parte da súa obra, é fundamental nesta novela. A que obedece ese interese?

Interésame tamén cando traballo en performances. Por exemplo en Prestixiditador, un poema oral en que se partía do corpo non como libro pero si como soporte de poesía. A min gústame a idea do carácter corporal da existencia. E o interese procede de cando nos liberamos do lastre do dualismo da alma fronte ao corpo, do instinto fronte á natureza. Superamos esa dualidade e colocamos o corpo no centro da filosofía e por suposta da vida social, que xa está en Deleuze, en Foucault ou en Derrida. Comprendemos a plasticidade do ser humano, que o corpo representa como conciencia e instrumento. A nosa forma de estar no mundo comeza na aprendizaxe de movernos. Ademais, a nosa forma de estar no corpo é sempre transitoria. Porque o noso corpo se reconstrúe e se deturpa constantemente. Pero afortunadamente existimos. Existe o presente, que é a única forma constante de estar no noso corpo. Gústame pensar sobre iso e divertirme, porque eu considero que o pensamento e a escrita e a arte son sobre todo un exercicio de sentido do humor. Para crear metáfora. Porque o riso é a primeira metáfora. Gústame dicirme a min mesmo e tamén aos demais: “Non creas todo o que pensas”. Este principio paréceme máis esencial que nunca.

Bota en falta sensualidade na literatura galega?

Hai de todo. Cada un temos unha sensualidade. Hainas que se manifestan en sinais case ocultos pero que abrollan e hainas que intentan ser sensualidades e en realidade son catálogos. Pero creo que é tan variada a sensualidade na poesía galega como as voces que se enfrontan a cuestións próximas á sensualidade. Hai autoras e autores aos que non lles interesan eses aspectos. Pero eu creo que a sensualidade é un instrumento moi importante para coñecernos a nós mesmos e, sobre todo, para coñecermos o mundo que nos rodea.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x