MÚSICA QUE SE LE

Pepe Cunha debulla a figura de Guadi Galego en ‘Pola beira da Canción’

Pepe Cunha debulla a figura de Guadi Galego en ‘Pola beira da Canción’
[Imaxe: Pepe Cunha] Guadi Galego na presentación de 'Pola beira da canción'
[Imaxe: Pepe Cunha] Guadi Galego na presentación de 'Pola beira da canción'  
O musicólogo ferrolán realiza nun volume editado por Edicións Embora un “completo percorrido” vital e profesional pola traxectoria da artista de Cedeira, desde os seus primeiros pasos até a actualidade.

Pepe Cunha, responsábel do portal galego de lecer Ábrete de Orellas (polo que foi galardoado co Premio Martín Códax ao Mellor Espazo de Comunicación Musical en 2016 e 2018), e a editorial ferrolá Edicións Embora debullan no libro Pola beira da canción un “completo percorrido” vital e profesional de Guadi Galego. “É un texto moi ameno e fácil de ler, que pode gustar tanto ao público que xa é fan como ao que non o é”, apunta o autor, Pepe Cunha, en declaracións a Sermos Galiza.

A dicotomía entre o “mundo humano” e o “musical” da artista cedeirense conforma o esqueleto do volume, pero “sempre obviando os puntos máis amarelos”, como apostila o seu responsábel. “A idea non era entrar no mundo persoal, senón tan só no que tiña que ver coa música, pero Guadi desde que nace está inmersa no mundo musical, e iso non se pode ignorar. Logo, aínda sendo un traballo eminentemente musical, tamén trazo un cadro da ‘persoa-compositora ou ‘persoa-creadora’ que ten moito de humano, pois reflicte as dúbidas sobre as decisións que toma na súa carreira, a xente coa que convive musicalmente ou os retos que se autoimpón”, engade Cunha.

“Un canto á liberdade”

Prologado pola xornalista Teresa Cuíñas, que considera que Pola beira da canción “recolle con precisión de ourive” a traxectoria da cantante, pianista e gaiteira, unha persoa “inqueda na procura de sensacións” e “enérxica na exploración das súas capacidades”. O libro conta, asemade, cun epílogo do tamén periodista Carlos Crespo, que fala do “canto á liberdade individual e colectiva” que supón a música de Guadi Galego.

Portada Libro Guadi GalegoPara Pepe Cunha, pola súa banda, a de Cedeira é “un referente a nivel artístico” pola súa “evolución”, polos “cambios” que fixo no seu estilo e polo feito de ser “unha gran compositora de cancións, algo que se cuestionaba un pouco na súa primeira etapa”.

‘Immersión’, o próximo traballo Guadi

O vindeiro traballo de Guadi Galego é o ‘digibook’ Immersión, que sairá do prelo o 25 de outubro e no que utiliza até sete linguas distintas: Euskera, Castelán, Galego, Asturiano, Catalán, Portugués e Occitano-Aranés.

A propia Galego explica nunha entrevista de Daniel Salgado para Sermos Galiza que a relevancia da diversidade lingüística débese ao feito de querer que os seus fillos “escoitasen” esas linguas, algunhas “moi minorizadas”, e definiu Immersión como un disco “arriscado” que supón “unha revisión musical e lingüística” dos seus tres derradeiros albumes, Lúas de outubro e agosto (2014), O mundo está parado (2016) e Bóla de cristal (2018).  

Ademais, conta coas colaboracións de xente como Iván Ferreiro, Álex Ínsua, Judit Neddermann, Clara Peya, Vega, Silvia Quesada, Alidé Sans, Lisandro Aristimuño, Mikel Urdangarín, Andrés Suárez, Ana Bacalhau, Sisters In The House ou Xabier Díazuchos.

O autor de Pola Beira da Canción móstrase “encantado” co digibook da artista de Cedeira, e indica que “mesmo as colaboracións de músicos que a priori non atraen logran un resultado que mellora calquera expectativa”. “Ela (Guadi Galego) píntao como unha obra un pouco difícil para o público, pero despois de escoitalo paréceme que non é así, non hai nada tan variado e traballado en toda a Península”, sentencia.