VERSIÓN ORIXINAL

Un percorrido polos filmes galegos máis vistos

Un percorrido polos filmes galegos máis vistos
[Foto: cedida] Fotograma de 'Sempre Xonxa'
[Foto: cedida] Fotograma de 'Sempre Xonxa'  

O que arde adianta A Esmorga na terceira posición da listaxe, converténdose no segundo filme en versión orixinal galega máis visto na historia do noso cinema, despois de Sempre Xonxa. Sermos Galiza aproveita para facer un repaso polas películas galegas con máis espectadores no cinema.


O suceso da estrea de O que arde en galego cos seus bos resultados na billeteira, mesmo fóra da Galiza, lévanos a facer unha selección dos filmes galegos con máis espectadores da historia, considerando aqueles que foron rodados en versión orixinal galega. Malia sermos conscientes dos diferentes criterios de clasificación do sistema cinematográfico, do que a procedencia da dirección ou da produtora pode determinar a nacionalidade do filme, Sermos Galiza elabora unha escolma atendendo ao criterio lingüístico. Eis os filmes máis vistos do noso cinema.

#1 Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989)

sempre xonxa

Primeira longametraxe galega en 35 mm, marcou un antes e un despois para o cinema de ficción en galego, xunto a Urxa, de Carlos López Piñeiro e Alfredo García Pinal, e Continental, de Xavier Villaverde. Esta historia sobre a emigración, localizada no rural galego, que continúa a mestría amosada por Piñeiro na curtametraxe Mamasunción, colócase no número un da listaxe con 62.203 espectadores. O filme, cun retrato fiel da aldea galega, transita os terreos do realismo máxico a través do personaxe de Caladiño, que entronca coa tradición máis máxica da Galiza de influencia cunqueiriana.

#2 O que arde (Oliver Laxe, 2019)

o que arde

Con apenas tres semanas en carteleira, O que arde entra na segunda posición con máis de 50.000 espectadores, segundo datos da produtora. E aínda queda moita xente con ganas de vela, como demostran as entradas esgotadas en moitos cinemas, a piques de pasar á súa cuarta semana con pases regulares en 29 salas de toda España. Após o premio "un certain regard" en Cannes e no Festival de Donosti, entre outros recoñecementos, o público galego devecía por ver o último de Oliver Laxe, un filme que retrata como poucos o noso rural e se achega ao incendio até case queimar o celuloide.

#3 A esmorga (Ignacio Vilar, 2014)

esmorga

A adaptación de Ignacio Vilar da recoñecida novela homónima de Eduardo Branco Amor, o filme narra de maneira trepidante ás 24 horas que mudan a vida de tres homes: o Castizo, o Bocas e o Milhomes. O arraigo da obra literaria e da propia carreira xa consolidada de Vilar arrastrou aos cinema máis de 47.000 espectadores, que seguiron o regueiro de destrución que deixan tras de si os esmorgantes, camiñando pola cidade de Auria cara á súa perdición.  

#4 Vilamor (Ignacio Vilar, 2012)

vilamor

Rodado nos Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz, Vilar repite na nosa escolma cun filme que narra a historia de Breixo, mozo da aldea que se prepara para ser cura, e a comuna hippie que chega para descolocar o ser mundo e crear un novo xeito de vida baseado no traballo da terra, o contacto coa natureza e a ausencia de propiedade privada. Arredor de 42.500 espectadores viron en pantalla grande as incríbeis paisaxes nevadas da montaña que arroupa as personaxes nesta aventura de descuberta persoal.

#5 Días de voda (Juan Pinzás, 2002)

dias de voda

Trátase da segunda parte da triloxía que compón con outro dos filmes da listaxe, Era outra vez, conseguindo atraer 38.500 espectadores. Recoñecido como a película dogma #30, Comba Campoy interpreta a filla dun importante editor, que vai realizar o soño da súa vida casando con Rosendo (Monti Castiñeiras). El é un garboso escritor con tendencias homosexuais, que en realidade desexa máis o novo premio literario que creou o seu futuro sogro que á súa prometida. A celebración do casamento traerá inesperadas sorpresas.

#6 Pradolongo (Ignacio Vilar, 2008)

pradolongo

Ignacio Vilar ocupa o sexto lugar da lista coa súa primeira longametraxe en lingua galega, a historia de tres amigos da infancia (Raquel, Martiño e Armando) que ven pouco a pouco rachados os seus vínculos polas diferenzas de clase e os conflitos amorosos.Conseguiu con el 33.463 espectadores.

#7 Engurras (Paco Roca, 2011)

engurras

Este filme de animación, baseado na banda deseñada Arrugas, de Paco Roca, céntrase na vida de Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico que se fan amigos. Emilio, que padece un principio de Alzheimer, conta inmediatamente coa axuda de Miguel e outros compañeiros que tratarán de evitar que vaia a parar ó andar dos eivados. Debuxos para adultos que acadaron 30.411 espectadores a nivel estatal.

#8 Era outra vez (Juan Pinzás, 1999)

era outra vez

Catalogado como o primeiro filme dogma da Galiza e tamén do Estado español, Juan Pinzás segue a un grupo de antigos compañeiros que se reúnen para pasar unha fin de semana, deixando agromar o mellor e o peor de cada un deles. Uns 27.007 espectadores seguiron os a incursión deste galego no ronsel de Lars von Trier.

#9 Urxa (Carlos Aurelio Piñeiro e Alfredo García Pinal, 1989)

urxa

A fantasía envolve a sociedade galega do século XX que retrata este filme, a través da vida dunha meiga, Urxa, que transmitirá o seu saber á súa sucesora. A orixe da película provén de tres curtametraxes que estaban desenvolvendo os seus dous directores baixo a tutela do produtor Cabanas Cao. Quedou, con todo, lonxe do éxito de Sempre Xonxa, sen chegar sequera aos 20.000 espectadores.

#10 Sicixia (Ignacio Vilar, 2016)

sicixia

Ignacio Vilar elabora un filme no que escoitar é fundamental, centrado no enxeñeiro de son Xiao, que percorre as vilas e lugares máis recónditos da Galiza na procura dos sons, das xentes e a natureza. A través de Olalla e a súa relación descubre a terra e o salvaxe da Costa da Morte. Máis de 12.000 espectadores viron o filme en carteleira.

Dobrados ao galego

O predominio da dobraxe fronte ao subtitulado como opción para os filmes estranxeiros no Estado español é probabelmente un dos principais condicionantes que leva a moitas producións rodadas na Galiza ou por produtoras galegas a abandonaren a versión orixinal para filmar directamente en castelán e, dado o caso, subtitular logo ao galego.

Nalgunhas ocasións, parten de directores que non son galegos e se achegan á nosa cultura atraídos por libros ou feitos reais. Así, algúns dos filmes máis vistos relacionados coa Galiza foron Mar Adentro (2004), con 4.099.442, onde Alejandro Amenábar respecta os diálogos que os protagonistas manteñen en galego; Os luns ao Sol (2001), de Fernando León de Aranoa, con 2.103.601 espectadores e versión dobrada á nosa lingua; ou A lingua das bolboretas (1999), con 1.181.542 espectadores, na que Jose Luis Cuerda adapta un dos relatos do libro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas.

Destacan tamén producións de animación como O bosque animado (2001), Ángel de la Cruz e Manolo Gómez, con 509.186 espectadores, e os thrillers de Dani de la Torre O descoñecido (2015), con 488.555 espectadores, e A sombra da lei (2018) con 245.400. Xa no intervalo das 100.000 visualizacións atópanse O lapis do carpinteiro (Antón Reixa, 2002), O ano da carracha (Jorge Coira, 2004) ou a pioneira Continental (Xabier Villaverde, 1989), que foi filmada en castelán, a pesar de ter unha versión dobrada ao galego.

Moi lonxe destas cifras quedan outros filmes en versión orixinal galega que tiveron boa acollida tanto na nosa terra como fóra das nosas fronteiras, como Crebinsky (2009) con 7.825 ou Dhogs (2018) con 4.086 espectadores.