XESÚS E PABLO COUCEIRO, LIBREIROS

"Perdeuse unha montaña de diñeiro público no libro e parece que non houbo responsábeis"

"Perdeuse unha montaña de diñeiro público no libro e parece que non houbo responsábeis"
[Imaxe: Uxía Castro] Pablo e Xesús Couceiro
[Imaxe: Uxía Castro] Pablo e Xesús Couceiro  

A historia comeza en 1969, nun local de 23 metros cadrados na rúa San Pedro de Compostela, en pleno Camiño de Santiago. Centrada no material escolar, foi o punto en que Xesús Couceiro (Mesía, 1941) iniciou a súa aventura. Medio século e varias mudanzas -até o emblemático edificio da praza de Cervantes- despois, a Libraría Couceiro é un dos pulmóns do libro galego. No corazón da cidade vella da capital e a cargo dos seus fillos María e Pablo, este e mais Xesús explican o pasado, o presente e o futuro do comercio. Eis un extracto da entrevista publicada no número 340 de Sermos Galiza.


mini_2Por que decidiu montar unha libraría?

Xesús Couceiro. Non foi unha decisión que tomase en oito días. Eu nun principio decidín cambiar de traballo, sen saber a que me ía dedicar. Pero estaba seguro de que o traballo que tiña non me gustaba para o resto da vida.

A que se dedicaba?

X. C. Era xerente dunha empresa de electrodomésticos. Pero a venda a domicilio é moi agresiva. Véndese moitas veces a quen logo non pode pagar e é moi desagradábel ir retirar a mercadoría. E é tamén moi escravo: traballabamos de luns a luns até a hora que facía falta. Había que ir cando podías falar coa xente, e podía ser calquera día da semana e a calquera hora. Mentres es novo pois está ben, pero non é a vida que un debe ter definitivamente. A partir de aí pensei noutro tipo de traballo, sempre no comercio. Pensei en que me podería gustar e ao final cheguei á conclusión de que o traballo menos complicado, máis bonito, máis agradábel, era unha libraría. Parecíame ademais que desde a libraría os meus coñecementos da sociedade podían evolucionar.

E como comezou?

X. C. Eu non tiña diñeiro nin formación para montar unha libraría. Eu vivía na Coruña e viñera para Santiago vivir nunha pensión de estudantes. Alí coñecín moita xente, entre outros un crego irmán da dona da pensión, na praza do Matadoiro. Este crego tiña unha casa na rúa de San Pedro. E un día díxome: “Oíches, ti que andas por aí buscando un local, eu teño un na rúa de San Pedro. Mírao. Se che vale, eu quero 1.500 pesetas ao mes. Pero ti non te preocupes, que eu non necesito os cartos, xa mos pagarás cando os gañes”. Fun ver o local e quedei con el.

Eis os inicios de Couceiro.

X. C. Así empezou o mundo da libraría, para min totalmente descoñecido. Pero tiña unha vantaxe. Eu era un executivo, e as librarías que había naquel momento estaban adurmiñadas, os libros nas vitrinas, o libreiro agardaba que o cliente lle fose preguntar... O primeiro que fixen foi visitar todos os centros de ensino e conseguín bastante volume de vendas en libros escolares. Un pouco máis tarde, en 1971, cambiou a lei de educación, e os libros base pasaron de 70 pesetas a 800. Foi unha inxección forte para o mundo do libro. Traballei tamén o mundo da papelería. O local era de 23 metros nun barrio de Santiago e non daba para moito, daquela eu facía máis labor fóra que dentro do local. En 1975 mudámonos á rúa República do Salvador e especializámonos en libro galego.

Como foi ese proceso de especialización?

X. C. Son cousas que se lle ocorren a un e pode atinar ou non. Neste caso atinamos plenamente. Empezábase a publicar máis libro galego. Despois complementámolo cunha sección de libro portugués, porque empezou a carreira de filoloxía galego-portuguesa. Abandonamos a papelería e o libro escolar.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]