VICTORINO PÉREZ PRIETO

"A perspectiva relixiosa desde Galiza é tolerante, aberta, antiautoritaria, coa presenza da muller..."


"A perspectiva relixiosa desde Galiza é tolerante, aberta, antiautoritaria, coa presenza da muller..."

Victorino Pérez Prieto (Hospital de Órbigo, León, 1954) acaba de regresar de Colombia, onde traballou durante dous anos de docente e investigador nunha universidade de Bogotá. O seu contacto estreito coa sociedade colombiana levouno a colaborar en mesas de paz, na súa condición de experto en diálogo interrelixioso, e a traballar con persoas indíxenas e campesiñas. Autor de numerosas publicacións sobre filosofía e teoloxía, dirixe a súa ollada ao compromiso cristián con Galiza e á interculturalidade. Publicamos a entrevista no Sermos Galiza 234.

Como se pode desenvolver a Igrexa desde a realidade do país?

Levo moitos anos… máis de trinta, escribindo sobre a Igrexa galeguista; e teño escrito moitas veces que hai que distinguir entre Igrexa na Galiza e Igrexa galega. A primeira é a Igrexa universal que está en Galiza, ten os seus bispos, e desde os tempos dos Reis Católicos e da “doma e castración” maiormente veñen de fóra para impoñer aquí o xeito de fóra, e de aí a escasa afinidade co país. En cambio, a galeguista é unha Igrexa de Galiza, nacida en Galiza, defende a inculturación e interésase pola nosa realidade. Ten tamén unha historia moi rica, pero estes momentos non son os máis brillantes.

3Por que cre que existe un desapego das persoas coa Igrexa?

É un proceso que non é só galego. É a nivel mundial. As congregacións relixiosas que menos problemas de vocación teñen son as máis conservadoras. Agora temos un papa que cambiou o estilo dos dous anteriores e xerou unha gran simpatía social, pero hai toda unha reacción da Igrexa en contra incríbel. As forzas conservadoras cren que a apertura do papa vai acabar coa Igrexa, cando non é para nada así. Iría acabar coa Igrexa toda a merda da pederastia, a corrupción interna... A perspectiva relixiosa que formulamos desde Galiza é tolerante, aberta, dialogal, antiautoritaria, coa presenza da muller...

Cal debe ser o papel das mulleres na Igrexa?

Neste momento ten que ter e vai ter un meirande papel, como lle corresponde, porque non se lle poden poñer portas ao vento. A diferenza entre muller e home á hora de facer un traballo e de ter responsabilidade social impúxose durante séculos por unha cultura patriarcal. A Igrexa, como a institución máis vella do mundo, vai máis lenta nisto, como en todo. E a gran barreira para que realmente as cousas cambien na Igrexa é que as mulleres poidan chegar a ser curas, porque as autoridades na Igrexa van pola vía do sacerdocio. Agora na curia hai mulleres con responsabilidade, pero sempre subalterna, quen mandan son os homes. Juan Pablo II dixo que as mulleres non poderían ser nunca curas na Igrexa e, aínda que non foi un dogma, chegou a dicir que o debate quedaba fechado. E agora, Francisco volveu reabrilo. Abre, pecha... porque hai unha reacción en contra moi grande, pero o debate está reaberto.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 234, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]