Os tres pesares de Don Ramón

Os tres pesares de Don Ramón
Imaxe: Fundación Otero Pedrayo. Otero cara ao ano 1950
Imaxe: Fundación Otero Pedrayo. Otero cara ao ano 1950  

O vinte e tres de outubro de 1954 Don Ramón Otero Pedrayo recoñeceu levar uns días apesarado por tres asuntos importantes. Díxoo nos locais da editorial Porto, en Compostela, a onde acudira para a presentación da Historia da Literatura Galega de Benito Varela Jácome.


Primeiro pesar

Despois da presentación, nun aparte, Otero manifesta publicamente o seu pesar polo desaparecemento do grego dos estudos de bacharelato, constituíndo este, segundo dixo, o seu terceiro desgosto do ano.

Preguntado pola natureza dos outros dous responde que estes non son desgostos dun día, que veñen de vello, son xa permanentes. Trátase dos féretros de Ribadavia e o proxecto de praza de touros para Compostela.

Segundo pesar

Co asunto dos féretros está Otero a se referir ao desenvolvemento que en Ribadavia, na altura, acadaba a industria dos féretros. A primeira fábrica foi fundada en 1910 por Luís Chao Sobrino, que en 1899 rexentaba unha pratería en Ribadavia e mudou o negocio para o sector funerario. A esta seguiron outras e no ano 1958 Ribadavia exportou cento e once mil féretros, cun remanente nas fábricas de máis de trinta e cinco mil. En febreiro dese ano o redactor xefe da radio local, Antonio Rodríguez Casasnovas, dedicoulle o editorial radiofónico a Don Ramón que situaba en Floravia a súa obra O desengano do prioiro ou Pasamento da alegría : co grande auto epilogal e xusticieiro dos féretros de Floravia. A peza aparece definida como "farsada dramática pra ler ou representar en calquer tempo que non sexa o dos Difuntiños". Segundo Carvalho Calero, a obra é froito da indignación do autor perante a implantación en Floravia, capital do Ribeiro, da industria dos féretros que na altura tiña proxección internacional até o ponto de competir, informativamente falando, cunha reunión que nas mesmas datas celebraba en París a NATO. A prensa recolle, case ao mesmo nivel, a reunión de fabricantes de ataúdes de Ribadavia celebrada en París na procura de novos horizontes comerciais e a de xefes de estado que sentaba as bases da CEE.

Terceiro pesar

Imos coa praza de touros. Sabemos que en Compostela se inaugurou unha praza de touros en 1916 e houbo becerradas nas festas do apóstolo dese ano.

En 1925, Rafael de La Torre, presenta un proxecto con planos para una praza de ferro e tixolo. Mais acaba construíndose unha de madeira. Case trinta anos despois a construción da praza segue en proxecto e Otero manifesta a súa oposición. A praza non se construíu e La Noche, sabedora do posicionamento de Otero, pergúntase se foi polas palabras antitaurinas de Don Ramón que a praza non se construíu ou se realmente non había interese.

O caso é que non houbo praza de touros en Compostela, o grego segue desaparecido do bacharelato e en Ourense, no pasado novembro, a décima edición da feira Funergal, fechou con máis de catro mil visitas e expositores de catorce países e co ataúde Xacobeo como a peza máis destacada.