A OBRA MAIOR DE CHANDLER E OUTROS CLÁSICO 'NOIR', EN GALEGO

Philip Marlowe e os demais

Philip Marlowe e os demais
O actor Elliott Gould interpreta o detective Philp Marlowe na versión cinematográfica de Robert Altman de 'O longo adeus'. Foto: cedida.
O actor Elliott Gould interpreta o detective Philp Marlowe na versión cinematográfica de Robert Altman de 'O longo adeus'. Foto: cedida.  

O longo adeus, de Raymond Chandler, posúe todos os estilismos, todas as teimas, da novela negra hoxe canónica. Pero porque, en boa medida, os inventou. Ou, polo menos, solidificounos. Publicada orixinalmente en 1953, polas súas páxinas pulula o detective Philip Marlowe, resacoso e melancólico, solitario e desencantado.
 


Este, un dos máis celebrados exemplos do noir estadounidense, carecía de versión galega. Até este mes de marzo, en que Hugin e Munin a publicou, da man do tamén escritor Diego Ameixeiras e do tradutor, e director da editorial, Alejandro Tobar. “A primeira vez que o vin, Terry Lennox estaba bébedo nun Rolls-Royce Silver Wraith, no exterior da terraza de The Dancers”, pon Chandler en situación.

O longo adeus narra a historia cruzada de Terry Lennox e Roger Wade, e aproveita para trazar un descarnado relato das clases altas californianas. Segundo Hugin e Munin, trátase da “obra máis ambiciosa” de Raymond Chandler, cincocentas páxinas e “unha demostración de forza”. En 1973, Robert Altman adaptouna memorabelmente ao cinema.

Malia se tratar dun clásico, o crítico Xesús González Gómez amosaba no seu feroz breviario A novela policial. Unha historia política (Laiovento, 2002) certas reservas respecto da escrita de Chandler. “Representa, no xénero, o momento da reconciliación e da beleza”, escribía, “o que non nos debe facer esquecer que este xénero, baixo pena de converterse nunha forma vacua, non pode reconciliarse”. Todo o contrario que Dashiell Hammett, sinalaba. A quen tamén traduciu Diego Ameixeiras para Hugin e Munin.

o longo adeus - cuberta

Colleita vermella, de 1929, é a única novela de Hammett en galego. Hai ademais contos na Antoloxía do relato policial (Vicens Vives) ao coidado de J. Santamaría e P. Alonso e na escolma Negras sombras (Galaxia, 1997). Do período clásico, que se divide talvez en dúas promocións, contou mellor fortuna o turbio, dostovieskano, Jim Thompson. Rinoceronte Editora publicou tres das súas peza maiores: O asasino dentro de min (1953/2012), Pob. 1280 (1964/2012) e Os caloteiros (1963/2013). Eva Almazán encargouse das traducións.

Só un título de Georges Simenon existe en galego. E iso que o francés redactou máis dun cento de aventuras do comisario Maigret, revalorizadas polo canon despois de pasar apenas por narrativa de quiosco. Porén, Maigret na escola (Vía Láctea, 1954/1992, tradución de Xosé Manuel Oca) é dificilmente localizábel.

Actualidade


Alén do olimpo noir, tamén hai autoras contemporáneas na literatura en galego. Por caso, a violenta Pericle o negro (Rinoceronte, 1993/2006, tradución de María Cristina González Piñeiro), de Giuseppe Ferrandino, protagonízaa o criminal, todo un subxénero. Na banda oposta, o comisario Montalbano de Andrea Camilleri, escritor siciliano e comunista: A pista de area (Galaxia, 2007, tradución de Carlos Acevedo).

Francia chegou a construír un modelo propio de narrativa negra -a etiqueta, por certo, procede da cor da colección policíaca da editorial Gallimard-, o seco, pesimista, polar. A esa tradición átase Pierre Lemaitre, cuxo Tres días e unha vida (2016/2018) traduciu Moisés Barcia para Rinoceronte. Fixo o propio con As almas grises (2005/2016), de Philippe Claudel, quen adopta as formas noir para transcendelas nunha novela que transcorre nos anos da Gran Guerra.

Enigma


Antes de que os escritores de novela negra decidisen auscultar a sociedade e elaborasen esa especie de literatura moral do capitalismo en que, nos mellores exemplos, derivou, houbo antecedentes. A denominada novela de enigma foi un deles. En galego publicouse unha das súas máis acabadas mostras, O misterio do cuarto amarelo (Xerais, 1919/1986), de Gaston Leroux. Máis recentemente saíu Angel Esquire (Hugin e Munin, 1919/2012, tradución de Alejandro Tobar), de Edgar Wallace.

Entre 1995 e 1997, Galaxia editou nove volumes de Sherlock Holmes en versión de Bieito Iglesias e Manuel Vázquez. E Edicións do Cumio, libros de Nicholas Freeling -Amor en Amsterdam (Edicións do Cumio, 1962/1991, tradución de Miguel Fernández Nogueira e Xosé Manuel Dasilva); Gilles Perrault -O patinazo (1989, tradución de X. Carlos Álvarez Quintero)-; Pierre Gripari -O enigma da herdanza Hertz (1989, tradución de Carme Ruibal e Xosé María Lema Suárez)-; e J. L. Livingstone -O asasino da Torre de Londres (1994).

Nota: cuberta da edición galega de O longo adeus.