O SÁBADO, 23 DE XULLO

Desde o Pico Sacro volverá soar para toda Galiza o “Alba de Gloria”

Desde o Pico Sacro volverá soar para toda Galiza o “Alba de Gloria”
Lectura do Alba de Gloria no Pico Sacro
Lectura do Alba de Gloria no Pico Sacro  

Como cada ano, o “Alba de Gloria”, de Castelao, volverá lerse, para todo o país, desde o máis alto do Pico Sacro, espazo simbólico que o pobo galego encheu de significados e identidade de seu. Será o próximo sábado, 23 de xullo, cun intenso programa de actividades.


A federación Galiza Cultura, a través das asociacións Vagalumes e O Galo, organiza un ano máis a lectura do “Alba de Gloria” no Pico Sacro, no que xa se converteu nun acto de irmandade entre a natureza a e cultura do país. Así, desde 2011, cando se conmemorou o 125 aniversario do nacemento de Castelao, Galiza Cultura homenaxea a xeración do Seminario de Estudos Galegos que “reparou, visitou e estudou este lugar emblemático”.
“Seguimos a estela de Castelao, quen acudiu en peregrinación até o Pico Sacro no 1925, cando unha ditadura impedía celebrar a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da Patria Galega”, explican desde a organización, que lamenta o desleixo e a falta de recoñecemento da Xunta de Galiza a respeito desta actividade.

Así, cunha volta sobre os pasos físicos e intelectuais de Castelao, as asociacións de base volverán subir até o cumio do Pico Sacro neste 2016. O convidado desta edición será o poeta e estudoso da presenza do Pico Sacro na literatura galega Miro Villar.

O programa

Nun comunicado de imprensa, a federación Galiza Cultura informa do programa de actividades para o vindeiro sábado. Tratarase dun acto lúdico-reivindicativo aberto a todas as persoas amantes da cultura galega e do país.

12.00h: Benvida na chaira da capela do Pico Sacro a cargo do escritor Miro Villar e a continuación subida do último treito deste monte.

13:00h: Izado da bandeira polas asociacións culturais Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago. De seguido lectura de Alba Gloria de Castelao por parte de representantes das A.C. O Galo, Vagalumes, Papaventos, S. Campio e Raiceiros de Vedra. Canto do Himno Nacional e baixada.

14:00h: No adro da capela do Pico Sagro actuarán os cantautores Mini e Mero, o gaiteiro Raúl Galego e músicos da comarca da Ulla.

15:00h: Xantar en “Casa Mosqueiro”, S. Mamede de Rivadulla

Roteiro guiado por Iolanda Aldrei, da asociación A Granxa do Pico Sacro:

16:45h: Saída de “Casa Mosqueiro” para a capela de Santiaguiño. Nela falarase do Camiño de Santiago da Ruta da Prata.

* Igrexa de S. Pedro de Vilanova. Ademais do aspecto artístico, tratarase do poder da igrexa e da pequena nobreza rural.

* Area do Muíños. Incidirase na vella economía agraria e na cultura popular

* Mirador de Guindian. Veremos as tres pontes e a súa integración ou impacto na paisaxe

* Igrexa de Vedra e palco da música. Tamén se explicará o labor de López Ferreiro que foi o seu párroco antes de ser cóengo na catedral compostelán

* Remataremos nun furancho situado perto da área recreativa de Ximonde.

Quen queira participar nas actividades programadas para o próximo sábado pode facelo na seguinte ligazón.