UNIVERSO PINZÁS

Un galego no ronsel de Lars von Trier

Un galego no ronsel de Lars von Trier
Juan Pinzás, nun fotograma de 'Universo Pinzás'
Juan Pinzás, nun fotograma de 'Universo Pinzás'  

O Festival de Cinema Fantástico de Sitges homenaxea este ano Juan Pinzás, o único cineasta galego recoñecido polo movemento Dogma 95. Aproveitamos para repasar a traxectoria do vigués, cuxa estela reconstrúe o filme Universo Pinzás, de Víctor Olid, que tamén vén de ser presentado no festival.


Cámara en man, localizacións reais, en cor e sen iluminación especial. Aquí e agora, sempre, rexeitando os xéneros e en 35 mm. Tales eran algúns dos “votos de castidade” aos que se atiñan Lars von Trier e Thomas Vinterberg cando estabeleceron o Manifesto Dogma 95, co gallo de purificar a arte cinematográfica. Rexeitaban os efectos especiais e a posprodución, nun intento de lle devoltar o poder ao artista, coas excepcións que irían agretando devagar o movemento.

Ao principio, para formar parte do Dogma había que ser recoñecido nunha lista, cando menos até o seu laxo e progresivo esmorecer a partir de 2002. O que non todo o mundo sabe é que o número #22 o ocupa un cineasta galego. Trátase do vigués Juan Pinzás, cuxo filme Era outra vez (2000) abría a triloxía unha triloxía que se completa con Días de voda (2002) e O desenlace (2005). Agora, un documental deixa constancia da orixinal traxectoria deste director galego.

Universo Pinzás

Víctor Olid (Madrid, 1976) elabora en Universo Pinzás un retrato que explora o particular mundo do cineasta, reconstruído a partir dos testemuños e conversas do propio director coa produtora galega Pilar Sueiro, o escritor Fernando Alonso Barahona e o equipo que leva a cabo a produción. Precisamente, destaca da súa experiencia filmando “a calidade humana de Pinzás e o complicado, ecléctico e fascinante universo cinéfilo que é a súa vida enteira. Pinzás fai, vive e respira cinema”.Cartaz de 'Universo Pinzás'

Juan Pinzás é, para Olid, “un dos directores máis singulares e interesantes” que traballou no Estado español. Para alén do único representante do Dogma 95, non se rexe por “academicismos e normas non escritas” e posúe “unha personalidade moi marcada”. Esta particular ollada fórxase desde a aprendizaxe dos primeiros filmes en Super-8, facendo eclosión na que sería a súa primeira curtametraxe, Opus I Homo Hominis (1981), que levou a mención especial no Festival Internacional de Cinema Documental e Curtametraxes de Bilbao. En 1982 fundou con Pilar Sueiro, a súa dona, a produtora cinematográficas PS Films (Pilar Sueiro Films) e máis tarde Atlántico Films, coa que produciría boa parte dos seus filmes.

Do Dogma ao documental

Era outra vez, definida pola produtora como “unha comedia ácida psicosocial-sexual”, narra a historia dun grupo de amigos da facultade de xornalismo que se reencontran transcorridos 10 anos. Aínda que todos parecen ter unha vida perfecta, as tensións son tardan en agromar nun conflito que afonda as raíces nos seus tempos de estudantes. A película contou coa participación de actores hoxe recoñecidos do audiovisual galego, como son Monti Castiñeiras, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi ou Mara Sánchez­.

"Pinzás fai, vive e respira cinema", afirma Olid

Pinzás seguiu esta liña con dous filmes máis, pero a súa produción non se limita ao compromiso cos votos de castidade de Trier e Vinterberg. O seu filme A lenda da doncela trasládanos á Galiza de 1930, nunha trama de fantasía e bruxaría. Esta obra valeulle os premios “Colón de Plata” no Festival de Cine Iberoamericano de Huelva e mellor filme no Festival de Cine Hispano de Miami (1996), así como mellor guión e mellor fotografía na Semana Internacional de Cine Fantástico de Estepona (2000).

Entre outros filmes, realizou posteriormente o documental As imaxes perdidas. A outra mirada (2009), unha viaxe desde Madrid a Galiza, física e na memoria, na procura dunhas imaxes gravadas por el nos anos oitenta. Esta fita, que conta coa presenxa de Paul Naschy e Javier Gurruchaga, serviu de inspiración a Olid para pór en marcha Universo Pinzás.

O madrileño define Pinzás con grande admiración: “un cineasta único e rompedor, antiacadémico e transgresor, pero sobre todo, un namorado do cinema”

O madrileño define Pinzás con grande admiración: “un cineasta único e rompedor, antiacadémico e transgresor, pero sobre todo, un namorado do cinema”. Ademais de director, Olid é escritor e responsábel, xunto a Ferran Herranz, do selo Vial of Delicatessens –dedicado a editar xéneros cinematográficos minoritarios, música, cómic e libros sobre cine–, que produce o documental.

Fotograma de 'Universo Pinzás'

Sitges recoñece Pinzás

Universo Pinzas estreouse en Sitges o pasado 5 de outubro, dentro da programación do 52 Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya. O filme recibiu, en palabras de Olid, unha acollida “cálida e positiva”, nun festival que reivindica este ano a figura de Pinzás coa proxección dun dos seus filmes máis recoñecidos: A lenda da doncela, convertida en obra de culto na actualidade.

A Asociación Cultura Viva de Madrid xa recoñecera a súa carreira co XVII Premio Nacional de Cinematografía Cultura Viva (2007). Ademais, Pinzás foi nominado ao Goya en 2014 pola fotografía de New York Shadows, que tamén dirixiu, guionizou e protagonizou.