NOVO DISCO LIBRO DE MÚSICA INFANTIL

Pirilampo canta aos animais

Pirilampo canta aos animais
Pirilampo. Xosé Luís Seixo á dereita.
Pirilampo. Xosé Luís Seixo á dereita.  

Serpe de cristal (Galaxia, 2018) son once cancións en que toman a palabra a abella, o golfiño, a píntega, o reiseñor, a bubela. Conforman o novo libro disco de Pirilampo, o proxecto de música infantil liderado por Xosé Lois Seixo.
 


“Este disco, pois, supón unha reposición e tamén unha resurreición: a da fantasía”, escribe no prólogo a profesora Pilar García Negro, “a humanización da natureza que tanto caracteriza a nosa cultura tradicionale que cómpre renovar”. A iso contribúen Pío, pío, pío, pon, O lagarto Martiño ou O golfiño garimoso, todas con letra de Seixo.

pirilampo - serpe de cristal (galaxia, 2018)

“En case todos os meus discos hai unha clara preocupación pola natureza”, sinalaba a Sermos Galiza o propio autor, “e agora tiña ganas de resaltar o problema de animais que están seriamente ameazados, nomeadamente réptiles e anfibios”. “A serpe sapeira / veleno non ten, / leva un colar branco / e nada moi ben”, di A serpe sapeira.

 

Aos textos de Seixo acompáñannos músicas propias -na Serpe sapeira, en Pío, pío, pío, pon e na que dá título ao traballo-, e de Cristina Romualdo, Galina Botnar, Sergio Franqueira, Tito Barbeito e Xurxo Souto. Frautas, gaitas, acordeón, guitarras e percusión variada definen o son dun libro disco con ilustracións de Federico Fernández.

 

Xosé Lois Seixo, que conduce o proxecto Pirilampo desde 2010, engadía que entre os obxectivos de Serpe de cristal -publicado dentro da colección Sonárbore de Galaxia- tamén se atopa reparar a “mala prensa” de animais como a serpe, a píntega ou os sapos. “Quería chamar a atención sobre estas cousas, desmitificándoas, animando a procurar información para que os respecten”, dicía.

 

“Arte musical e arte lteraria: en Pirilampo saben ben que todas as artes son amigas, como dicían os clásicos”, explica a prologuista Pilar García Negro, “e da súa unión nace esta alfaia, que compón un mapa ben gráfico e amical de animais familiares na nosa fauna, na nosa contorna”.



x