CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Facer comedia con cartas falsificadas de celebridades

Facer comedia con cartas falsificadas de celebridades
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  


PODERÁS PERDOARME ALGÚN DÍA?

Can You Ever Forgive Me?
(EUA 2018, 106 min.) 
Dirección: Marielle Heller
Guión: Nicole Holofcener e Jeff Whitty
Fotografía: Brandon Trost
Música: Nate Heller
Elenco: Melissa McCarthy, Richard E. Grant, Dolly Wells, Christian Navarro, Jane Curtin, Ben Falcone, Brandon Scott Jones, Anna Deavere Smith

SINOPSE

Lee Israel é unha reputada biógrafa en horas baixas. Alcohólica, sen emprego, apenas pode pagar o aluguer e o seu gato está enfermo. Para sacar cartos comeza a falsificar cartas de celebridades falecidas. A cousa dá resultado pero non sospeita que o FBI leva tempo investigando os seus movementos.

CRÍTICA

Segunda longametraxe de Marielle Heller tras a estupenda Diario dunha moza adolescente (ver Sermos Galiza nº187). Naquela adaptación da novela gráfica homónima de Phoebe Gloeckner fuxía dos tópicos nunha historia diferente e arriscada arredor dos problemas reais da adolescencia dunha moza. Agora, en Poderás perdoarme algún día?, rebaixa un pouco os niveis de transgresión para adaptar as memorias da escritora Lee Israel, unha biógrafa acusada, e condenada, por falsificar cartas de xente famosa da literatura e o cinema. Unha ocupación moi lucrativa, aínda que non o pareza...

Comeza presentando unha Lee Israel a piques de tocar fondo. Perde o traballo, debe varios meses de aluguer, bebe sen moderación e o seu gato está gravemente enfermo, pero non se pode permitir pagar o veterinario. Unha muller bastante miserábel capaz de roubar papel hixiénico para levar a casa, pero con corazonciño. De feito o detonante de que decida sacar diñeiro fácil falsificando obxectos fetichistas de colección é así poder sandar ao seu gato.

Co desastrada que pintan a esta muller xa se sabe de antemán que a cousa non vai acabar ben e que a van pillar tarde ou cedo, mais iso é algo secundario. O interesante aquí son as personaxes en si: a propia Lee Israel e unha sorte de vagabundo altivo e coqueto que se lle une nas súas correrías polos tugurios de ambiente e lle axuda a delinquir na falsificación de misivas.

Xorde unha curiosa amizade froito da soidade e a necesidade de contacto humano. Son dous farsantes alcohólicos que se fan compañía nun mundo no que non encaixan. Un par de perdedores interpretados por Melissa McCarthy e Richard E. Grant, ambos nomeados nos Óscars 2019. Malia que McCarthy dá un enorme salto de calidade con respecto as comedias lixeiras que nos tiña acostumados, non foi suficiente para que acadara Óscar. Pola súa banda Grant crea un personaxe memorábel que si era merecedor de Óscar pero que perdeu fronte Mahershala Ali e a sobrevalorada Green Book. Tamén o guión adaptado tivo nomeación máis desta volta perdeu, de forma xusta, coa infravalorada Infiltrado no KKKlan (ver Sermos Galiza nº 337). 

Unha tenra historia dramática, con pingas de comedia, para quen procure tramas ben contadas, personaxes moi humanos e notábeis interpretacións. Altamente recomendábel para quen gustara de filmes coma Mellor.. imposíbel (1997, James L. Brooks), Atrápame se podes (2002, Steven Spielberg) ou Carol (2015, Todd Haynes).



x