CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN PUBLICA LIBRO

Dos poemas que garda a cama do avó

Dos poemas que garda a cama do avó
Celso Fernández Sanmartín en Seoane do Courel. Foto: cedida.
Celso Fernández Sanmartín en Seoane do Courel. Foto: cedida.  

Na Cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez, o novo libro de Celso Fernández Sanmartín, os poemas son concretos, materiais. Do pequeno ángulo dun obxecto extraen intres decisivos. A súa ollada asombrada non despreza ningunha peza do real. “Quixen buscar un símbolo ao que agarrame para buscar consolo á falta do meu avó”, sintetiza o poeta. Atopouno nunha cama arrombada no faiado.
 


“A cama aí parada e desmontada non porfía / está calada, por veces abre os ollos / (...) paréceseme na falta de uso a un pipo seco / pero máis a unha mina de auga tupida”, escribe. “Na cama pasamos moito tempo das nosas vidas”, esténdese para Sermos Galiza, “nacemos e morremos nela, poeticamente polo menos. Cando se foi meu avó, procurei un obxecto compartido que me ofrecese consolo. Dei na súa cama, porque nela durmía eu a sesta. Dela comecei a tirar”.

Publicada por Apiario —unha das súas tres novidades, canda volumes de Lucía Aldao e Susana Aríns—, a obra sucede a Gratas e boas novas (autoedición, 2011) e supón a segunda de Sanmartín (Lalín, 1969) nunha editorial despois do xa afastado Propiamente son captivo (Letras de Cal, 1997).

“Hai moitos anos decidín non me presentar a premio ningún por varias razóns”, explica, “a primeira, que son como as quinielas, un salto ao baleiro: se non gañas, non obtés ningún feedback. Ademais, eu tamén considero o libro un obxecto e é moi bonito facelo cos teus propios poemas, escoller a forma, o papel... En Apiario son moi delicadas nestes aspectos”. O deseño da Cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez é de Mauro Trastoy con imaxes de Fer García.

a-cama-de-meu-avo-manuel-sanmartin-mendez

Fernández Sanmartín é deses estraños poetas cuxa voz irrompeu practicamente acabada. Exacta e extremadamente puída, aparentemente naíf pero practicamente insondábel. “A poesía tal e como eu a entendo, ademais de ser un sufrimento —sufrimento porque o 90% do que escribes non serve—, non depende de ti. Canta xente pode dicir 'son poeta'?”, pregúntase.

“Poucas palabras / e que non canten / ou que canten seco / poucas que queden / de / moitas que veñan”, ilustra nun dos textos que tamén é unha autopoética. Mais o corazón da escrita atópase, sinala, na emoción. “Un busca emocionarse co que escribe. Até onte [polo domingo 2 de decembro] non lera o meu libro impreso. Fíxeno no autobús de Lalín a Pontevedra, onde fun presentalo no Culturgal, e quedei impresionado. Se un queda impresionado co que escribe, mala cousa non é”, afirma.

Memoria agraria

Co que escribe e co que recolle. Contacontos intimista e divertido, cunha enorme capacidade para debuxar imaxes poéticas narrativas, Fernández Sanmartín nútrese non só de literatura. A memoria popular agraria é fonte deses fragmentos de linguaxe cos que compón poemas estremecidos e perplexos. E que o aproxima ao seu veciño de Lalín e poeta que o “fascina”, Emilio Araúxo (Coles, 1946).

“Son o tipo de contador que son porque son poeta”, defínese, “e a miña visión sobre o rural enriquece o meu sentir poético. Faime reparar e decatarme de fragmentos de linguaxe que, doutro xeito, pasarían desapercibidos”. Non por acaso, algúns dos versos da Cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez parecen apañados das conversas entre labregos. Anacos de vidas humildes e que existen grazas ás súas propias mans. Como o parecen os de Ernesto Cardenal, o poeta nicaraguano admirado por Fernández Sanmartín e autor do descomunal Cántico cósmico (1989).

“No último día das festas de Lalín”, conclúe a xeito de agasallo e exposición do seu modo de operar, “sentínlle ao meu primo Toño este conto. Había unha familia na parte de Bermés [parroquia de Lalín] que eran de boa casa, a de Sofía do Campo. Tiñan un can ao que coidaban moito. Un veciño seu, de casa pobre, dixo unha vez: 'Aínda quería mellor ser can de Sofía ca fillo do meu pai'. Ese fragmento de linguaxe, esa expresión, é poética!”.