ANTOLOXÍA DE AUTORAS DO SÉCULO XX

Poemas na carne viva da Bretaña

Poemas na carne viva da Bretaña
A considerada matriarca da poesía bretoa, Anjela Duval. Foto: cedida.
A considerada matriarca da poesía bretoa, Anjela Duval. Foto: cedida.  
Ivonet Omnes foi un clérigo bretón que viviu no século XIV. Copista de profesión, a el atribúeselle o primeiro verso en lingua bretoa: “me am ous vn amoric ioliuic indan an del mé”. “Teño un amoriño ben feitiño baixo as follas e eu...”, di, na versión da profesora María Lopo que abre Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña (Xunta, 2019).

Mais esta escolma, que se presentará o 20 de outubro en Compostela, céntrase no século XX. Son sesenta poemas de vinte autores escritos en bretón, francés e inglés acompañados da tradución ao galego. “Hai anos que fago traducións de poesía bretoa. Algunhas funas publicando. Un día vin todo o que tiña e pensei que, engadindo un par de autoras, había abondo para un volume”, explica Lopo (Vigo, 1967) a Sermos Galiza.

Ese é Canto e contracanto, publicación institucional e polo tanto non á venda, que comeza simbolicamente con Omnes e remata con Nolwenn Korbell, nado en 1968. “Non é un panorama da poesía bretoa”, advirte a editora, “é máis ben unha mostra dos autores que me interesan e leo”. Na que figuran con todo nomes indiscutíbeis, como a da “matriarca” Anjela Duval (1905-1981): “Escribo os meus versos coa rella do arado / na carne viva do meu país bretón, rego a rego”.

Na diversa proposta de Lopo existen porén varios fíos que tecen o singular tapiz da poesía bretoa. Enuméraos na Introdución do libro: o multilingüismo e o paso dun idioma a outro; a importancia da música; a militancia política nacionalista e progresista; a presenza do mundo céltico. “Sobre o tema idiomático, as cousas en Bretaña non están tan claras como na Galiza”, expón a docente, que se doutorou na Universidade da Alta Bretaña en Rennes, “por iso incluín poetas en bretón e en francés”. A comunidade de falantes de bretón fórmana arredor de 300.000 persoas e a maior parte de obras poéticas publícase en edición bilingüe.

En francés escribe, por caso, Guillevic (1907-1997), poeta determinante do século XX e obxecto particular de querenza e estudo para Lopo, ao que dedicou varios ensaios, o último Univers Guillevic (2017). “O repouso / Non era para nós. // O movemento / É a nosa pausa”, di este poeta, simpatizante comunista e investigador da palabra exacta.

María Lopo remite os seus contactos iniciais con Bretaña á propia adolescencia e ao ámbito musical. “Logo estudei filoloxía francesa, especialiceime en poesía e viaxei formarme ao país bretón”, engade. No mencionado limiar de Canto e contracanto relata ademais algunhas das pontes entre a Galiza e a Bretaña: das cruces de pedra de Castelao ao Laio e clamor pola Bretaña (1973) de Manuel María, da tradución do Poema do país que ten fame (1978) de Paol Kleig -poeta incluído na antoloxía- a cargo de Henrique Harguindey á Carta de Brest que asinaron en 1972 esquerdas revolucionarias da Galiza (a UPG), Bretaña (a Unión Democrática Bretoa) e Irlanda (o IRA e o Sinn Féin).

“Na actualidade existe un tecido humano, unha rede de persoas, que sosteñen estas pontes”, sinala, “na Universidade de Rennes sempre houbo xente, profesoras interesadas, lectores de galego e un centro de estudos”. Lopo tamén se encargou, canda os bretóns Alan Brotel, Herve ar Bihan e Gwendal Denez, do reverso de Canto e contracanto, Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega.

Barhaz Bihan Galiza inclúe poemas en galego e bretón de Pondal, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Manuel María, Xohana Torres, Claudio Rodríguez Fer e Olga Novo.