ATRAVÉS EDITA UNHA ANTOLOXÍA DO AUTOR

A poesía de Carvalho Calero volve ás librarías

A poesía de Carvalho Calero volve ás librarías
Estatua de Ricardo Carvalho Calero en Compostela. Foto: Wikipedia (Xosema).
Estatua de Ricardo Carvalho Calero en Compostela. Foto: Wikipedia (Xosema).  
Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990) responde con exactitude á figura do polígrafo. Escritor profundo, brillante e tamén polémico sobre materias variadas e en rexistros diversos, foi ademais poeta de singular voz. A súa poesía levaba anos fóra do mercado e agora regresa ás librarías da man de Através Editora.

antoloxía da poesia em galegoAntologia da Poesia em Galego, ao coidado de Paulo Fernández Mirás e con limiar da profesora Carmen Blanco, recolle en 239 páxinas poemas de todas as obras de Carvalho Calero no xénero, de Vieiros (1931) ao póstumo Reticências (1986-1989) (1990). “A escolha tenciona não somente mostrar as excelentes qualidades e capacidades do poeta como versificador ou criador, mas também achegar fragmentos da sua vida feitos poesía”, indica a nota editorial, “essa parte biográfica que conté a sua obra não fica apenas na narrativa, como Scórpio (1987)”.

O ensaísta e crítico, teórico das correntes lingüísticas e culturais reintegracionistas, homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, publicou sete libros de poemas, dúas colectáneas -Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980) e Futuro condicional (1961-1980) (1982)- e mais a antoloxía Fillo de Eva, a cargo da poeta Pilar Pallarés. A súa obra demarcou un territorio á parte, relacionado con algunhas das vías da poesía galega do seu tempo pero con ángulos persoais, por caso certa tendencia antisentimental, certo uso do humor, certo clasicismo formal, certo rexeitamento do poema como condensador da historia.

Autor dunha influínte Historia da literatura galega contemporánea (1962), foi membro do Seminario de Estudos Galegos antes da Guerra Civil e académico na Real Academia Galega. Antes desta Antologia da Poesia em Galego, Através sacara a reedición da súa novela Scórpio e a escolma de ensaios comentados por especialistas Atual Carvalho Calero.

Nota: cuberta da Antologia da Poesía em Galego de Carvalho Calero.