A poesía sobre o desexo masculino de McMillan, en galego

A poesía sobre o desexo masculino de McMillan, en galego
O poeta inglés Andrew McMillan, recentemente traducido ao galego. Foto: cedida.
O poeta inglés Andrew McMillan, recentemente traducido ao galego. Foto: cedida.  

Físico é unha das obras maiores da poesía inglesa recente. Publicada en 2015 e obra de Andrew McMillan (South Yorkshire, 1988), ve agora a luz en galego. O seu tradutor é Isaac Xubín e a súa editorial, Chan da Pólvora.
 


“Cun estilo que funde de xeito maxistral a distancia e a súa calidez emocional”, explica a editora, “estes poemas adentran as lectoras e os lectores nun ámbito do desexo que fala o idioma da felicidade, da desolación pero tamén o dos códigos secretos do corpo”. Físico, primeiro libro de McMillan, foi amplamente celebrado por crítica e lectores: “É unha poesía de sintaxe complexa e imaxes turbadoras”.

Debedor, di Chan da Pólvora, de autores do confesionalismo extremo como Sharon Olds ou Tom Gunn, resultou premio ao mellor libro debut do xornal The Guardian. Foi a primeira vez que se lle outurgaba a unha obra de poesía. “Poucos poetas como McMillan souberon abordar o desexo masculino e as súas expresións a miúdo frustradas”, engade.

“O meu sobriño pregúntame se podo levantalo como se fose unha pesa / o novo amante de súa nai pode e levántao moitas veces // o meu sobriño que unha vez lle dixo ao meu mozo que era ilegal / o meu sobriño coa mandíbula e a voz do seu papá // o meu sobriño que di que eu quixen / tocarlle o paquete nunha ocasión”, escribe no poema O tipo duro, traducido polo poeta Gonzalo Hermo para o seu blog Escola do Resentimento.

Precisamente con Hermo estivo Andrew McMillan o pasado 17 de marzo, dentro do ciclo do Concello da Coruña dirixido por Yolanda Castaño Poetas Di(n)versos. O seu segundo e último libro é playtime (2018).

Físico (Chan da Pólvora, 2019) abre a colección O río, centrada na tradución de poesía, e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Sacará dous títulos ao ano e o vindeiro será unha escolma da estadounindense Emily Dickinson (1830-1886).