SEGUNDA FEIRA 15 DE ABRIL NA CORUÑA

Poesía galega e alemá sobre “o íntimo e o doméstico” no ciclo Di(n)versos

Poesía galega e alemá sobre “o íntimo e o doméstico” no ciclo Di(n)versos
As poetas Helena de Carlos e Jan Wagner, que participan este 15 de abril no ciclo Poetas Di(n)versos da Coruña. Fotos: Poetas Di(n)versos.
As poetas Helena de Carlos e Jan Wagner, que participan este 15 de abril no ciclo Poetas Di(n)versos da Coruña. Fotos: Poetas Di(n)versos.  

A poesía de corte limpo, alento clásico e trascendencia íntima de Helena de Carlos (Cenlle, 1964) e o control formal e ao tempo lúdico de Jan Wagner (Hamburgo, 1971) protagonizan esta segunda feira, 15 de abril, o ciclo Poetas Di(n)versos da Coruña.
 


O recital será no Centro Ágora a partir das oito e media do serán. E servirá para, en palabras da organización do evento -dirixida pola poeta Yolanda Castaño- para percibir a obra de “dous poetas capaces de depurar a súa escrita de elementos superfluos e cargarse de imaxinación literaria”. Wagner e De Carlos “pousan as súas olladas no íntimo e doméstico até outorgarlles unha evocadora transcendencia”.

A galega iniciou a súa traxectoria en 1996 con Alta casa (Espiral Maior, 1996). Con Vigo (Galaxia, 2007) esta especialista en literatura antiga e medieval en latín, obtivo o premio da Crítica Española. É docente universitaria de profesión.

Wagner é un dos autores máis celebrados da última poesía alemá. Ensaísta, editor e tradutor, membro da Academia Alemá de Lingua e Literatura, a súa obra -sete libros de poesía desde 2001- foi traducida a máis de 30 linguas. Na Coruña, os seus poemas escoitaranse en versión orixinal e en tradución galega da propia Yolanda Castaño.

Na cita do 15 de abril, “unha libraría de proximidade” porá á venda títulos das autoras convidades, que se prestarán a asinalos.



x