FESTIVAL FALA O MAR O 5 E 6 DE XULLO EN COMBARRO

Poesía entre os hórreos do mar

Poesía entre os hórreos do mar
Imaxe de Combarro (Poio). Foto: Wikipedia.
Imaxe de Combarro (Poio). Foto: Wikipedia.  

A poesía apropiarase das estreitas, retortas, históricas rúas de Combarro (Poio) o 5 e o 6 de xullo. O festival Fala o Mar, organizado pola asociación cultural Armadiña, xuntará poetas, performers, proxección e mesmo obradoiros de creación.


A sexta feira, 5 de xullo, á seis e media da tarde no Fogar Armadiña proxectarase o documental Vértice de Versos, sobre a poesía galega actual. Participará o seu director, Carlos Lorenzo. No mesmo lugar ás oito e media, Ricardo de Barreiro presentará A+A.

O sábado 6 de xullo será o día grande do encontro. Comezará ás once e media da maña na praia de Padrón cun “obradoiro poético para crianzas” a cargo da poeta Míriam Ferradáns. Xa no serán, ás oito, na praza de San Roque, lerán poemas Cynthia Menéndez, Daniel Irimia e Lucía Novas. Despois, o grupo Xeraccións.

Tamén na praza de San Roque recitarán, ás nove e media, César Souto, Noelia Gómez e Rafa Lobelle. E unha hora despois, o contrarrecital de Lois Pérez fechará unha cita que conta co apoio da Deputación de Pontevedra.