CICLO 'AS VOCES DO CORPO' EN COMPOSTELA

Poesía máis alá do papel

Poesía máis alá do papel
A dramaturga Clara Gayo, que participa en 'As voces do corpo'. Foto: Redenasa
A dramaturga Clara Gayo, que participa en 'As voces do corpo'. Foto: Redenasa  

A experiencia poética soborda o libro. O poeta chileno Nicanor Parra expúxoo con concisión nun aforismo: "Todo é poesía agás a poesía". Nalgún lugar entre esa afirmación e as praxes performáticas discorren as propostas que o ciclo As voces do corpo achega estes días á Sala Montiel de Compostela da man do selo ChanZo. Poesía en acción, vencellado á editorial Chan da Pólvora.
 


"Procurar novas vías de expresión poética ou de formatos e crear, deste xeito, unha rede que inclúa persoas de diversas disciplinas, como a poesía ou a arte dramática", explican os responsábeis de ChanZo, Alexandre Fernández e o poeta Antón Blanco, os seus obxectivos. O seu primeiro programa, As voces do corpo, coordínaoo o escritor Antón Lopo e comeza esta cuarta feira ás 20.30 horas.

A poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974) e Cintaadhesiva, o proxecto musical da tamén poeta Silvia Penas (Vigo, 1980), abrirán a mostra este serán. Un "videorecital" de 45 minutos baseado no seu libro Haz lo que te digo (2015) será a proposta de Reyes, que traballa adoito co spoken word, a arte escénica e outros cruzamentos entre poema e oralidades modernas. Cintaadhesiva, pola súa banda, fórmana Penas e Jesús Andrés Tejada, e investiga o formato canción con sonoridade indietrónica a partir de poemas.

A quinta feira, tamén ás 20.30, os poetas Afonso Traficante e Antón Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1996) porán en escena Canine, dúo de piano e batería que, segundo os propios músicos, "busca a maneira de levar ao extremo un exercicio sobre os tempos, o brillo e a mudez da poesía sen palabras". Anuncian o seu primeiro disco co título de Por exemplo este rizo. Con Canine compartirá sesión Neno Escuro, "proxecto performático de experimentación electrónica" do escritor e editor de Axóuxere Rafa Xaneiro, que despregará a paisaxística de Poemas para um olho.

As voces do corpo rematará a sexta feira á mesma hora co serán máis enfocado cara ás variacións dramatúrxicas do poema. A escritora Clara Gayo (Vigo, 1971), coa colaboración de Zé Paredes (Guimaraes), desenvolverán Biopatía do interior. "Unha compilación de textos coñecidos e descoñecidos, abandonados todos pola insignificancia", autodefínense. O visceral poeta e autor teatral Carlos Santiago (Santiago de Compostela, 1966) porá o ramo con Soviet Punk, "unha escolma de textos poéticos inéditos cos que o autor ceiba a súa pulsión colérica contra a realidade".