A poesía de Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés

A poesía de Rivas, Lupe Gómez ou María do Cebreiro, traducida ao inglés
Cubertas das traducións de Manuel Rivas e Lupe Gómez. Imaxe: cedida.
Cubertas das traducións de Manuel Rivas e Lupe Gómez. Imaxe: cedida.  

A poesía galega avanza na súa difusión internacional. Libros de María do Cebreiro, Manuel Rivas, Lupe Gómez e Yolanda Castaño verán luz en inglés nos vindeiros meses.
 


Camuflaxe (Chan da Pólvora, 2017) foi a reaparición de Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) logo de seis anos sen publicar. Novo estadio na súa contundente e singular obra poética, obtivo gran recoñecemento das lectoras e da crítica. Non por acaso recibiu o premio da Asociación Galega da Crítica 2018. A canadiana Erín Moure encargouse da tradución inglesa e o volume inaugurará o selo estadounidense Circumference Books, centrado na tradución de poesía.

Shearsman Books, con sede en Bristol, é unha das principais editoriais do xénero en Gran Bretaña. Este ano publicará tres poetas galegas. O deserto (Apiario, 2015), de María do Cebreiro (Compostela, 1976) e no seu día premio da Crítica, e A segunda lingua (Pen Clube, 2014, premio Abanca), de Yolanda Castaño (Compostela, 1977), terán versión do tradutor e poeta irlandés Keith Payne.

A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) tamén o traducirá unha irlandesa, a poeta Lorna Shaugnessy que xa se ocupara de facelo con A desaparición da neve (Alfaguara, 2009). Desta volta será A boca da terra (Xerais, 2015).

Narrativa en Small Stations


Non só a poesía viaxará máis alá do campo literario galego. A editorial Small Stations, dirixida por Jonathan Dunne e Tsevetanka Elenkova, anuncia a publicación, ao longo do que queda de 2019, de cinco títulos, segundo informa o portal Galician Literature da Dorección Xeral de Políticas Culturais da Xunta.

Serán de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) -Tristes armas (Xerais, 1994)-, Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) -A cabeza de Medusa (Galaxia, 2008)-, Elena Gallego (Teruel, 1969) -Dragal IV: A estirpe do dragón (Xerais, 2015)-, Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1955) -Pensa Nao (Xerais, 1999) e Paco Martín (Lugo, 1940) -Das cousas de Ramón Lamote (SM, 1985).



x