XERAIS REÚNE A OBRA PIONEIRA DE XELA ARIAS

A poesía como "trato coa busca da vida"

A poesía como "trato coa busca da vida"
A poeta Xela Arias. Foto: Centro de Documentación da AELG.
A poeta Xela Arias. Foto: Centro de Documentación da AELG.  

Catro libros publicados en vida e mais un inédito -Lili sen pistolas, finalista do Esquío en 1986- conforman a poesía toda de Xela Arias. Autora de universo singular e voz anticipada ás novas poéticas dos 90, a editorial Xerais vén de reunir a súa obra poética nun volume.
 


A profesora e crítica María Xesús Nogueira encargouse da edición, notas e intordución dun volume, Poesía reunida (1982-2004), que volve dispoñibilizar os poemas de Arias 15 anos despois da súa morte. Entre Denuncia do equilibrio (Xerais, 1986) e Intempériome (Espiral Maior, 2003), a súa escrita adentrouse na subxectividade feminina e feminista, cunha sintaxe en demolición, e sen medo ao pudor.

“A escritora ocupou un lugar de seu na cartografía literaria das últimas décadas”, indican desde Xerais, “e a súa obra está en consonancia coa renovación do discurso poético producida dos 80 en adiante, así como coa proliferación dos discursos do feminismo, aos que acompañou como pioneira”.

poesía reunida de xela arias cuberta

Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) foi unha desas poetas que, aínda publicando ao tempo que a chamada Xeración dos 80, tomou distancia a respecto dos seus prinicipais vultos e contribuíu a trazar un territorio singular e avanzado ao que desenvolverían máis tarde os nomes dos 90. En posicións semellantes atopáronse Ana Romaní (Noia, 1962), Chus Pato (Ourense, 1955), Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) ou mesmo Antón Reixa (Vigo, 1957).

“Arias manifestou en ocasións un sentimenro de soidade xeracional, reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou con contundencia contra o carácter invisibilizador das etiquetas”, afirma a editorial.

Tigres coma cabalos (Xerais, 1990) -con fotografías de Xulio Gil- e o potente Darío a diario (Xerais, 1996) -en que constrúe poemas a partir da súa experiencia como nai- completan a súa traxectoria bibliográfica. “A poesía é un trato coa busca da vida poderosamente iluminada”, afirmou nalgunha ocasión quen tamén foi tradutora de Roald Dahl, Joyce ou Baudelaire.



x