MARÍA XESÚS NOGUEIRA

“A poesía de Xela Arias non está asimilada pola crítica académica”

“A poesía de Xela Arias non está asimilada pola crítica académica”
[Imaxe: Uxía Castro] María Xesús Nogueira
[Imaxe: Uxía Castro] María Xesús Nogueira  

Algunhas poetas rebélanse contra o canon. Foxen da corrente dominante e, aos poucos, constrúen territorios de seu. Foi este o caso de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2004) a respecto da poesía da Xeración dos 80. Deféndeo a profesora, crítica e antóloga María Xesús Nogueira (A Estrada, 1968) na Introdución á Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018) de Arias. Eis un extracto da entrevista publicada no número 335 do semanario Sermos Galiza.


6Por que reunir a poesía de Xela Arias?

O principal motivo é que a poesía de Xela non estaba accesíbel. Atopábase descatalogada e só se podía consultar en bibliotecas. Por unha banda, hai un interese en reivindicar a figura de Xela Arias por parte de poetas e de críticos. Pola outra, está o tema do propio ensino: fálase de Xela como dunha voz importante nos 80, 90, mais logo damos co paradoxo de que non se pode ler fóra de bibliotecas ou de coleccións particulares. Reunir a súa poesía parecía unha tarefa urxente e necesaria. Despois, o proxecto foise ampliando e incorporou unha serie de textos que non pertencían a eses libros, que eran simultáneos, anteriores ou posteriores, obra dispersa. E así se conformou o traballo, pouco a pouco.

A obra de Arias ten o recoñecemento crítico que, ao seu ver, merece?

Diría que si e diría que non. Diría que é unha poeta por unha banda icónica, un pouco comparábel, salvando todas as distancias, ao caso de Lois Pereiro, unha poeta de culto...

Hai certos paralelismos entre eles.

Si, si, creo que hai paralelismos importantes. Pero non me atrevería a dicir que ten o recoñecemento do conxunto da crítica. E desde logo non me parece que estea asimilada por esoutra crítica académica con máis incidencia se cadra na conformación do canon.

E é lida polas novas poetas, polos novos poetas?

Agardo que si. E agardo que a lean sobre todo a partir de agora. Teño a impresión de que é moitas veces reivindicada, citada polas voces máis novas nos seus recitais. Pero creo que o feito de que non estivese accesíbel estaba dalgunha maneira limitando a súa pegada e a súa recepción.

A poesía de Xela Arias resulta singular a respecto da dos seus contemporáneos.

Polo menos a respecto da obra daqueles que acabaron protagonizando o canon, a corrente central. Si, eu creo que se afasta moito da corrente central. O seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio, é de 1986. No 86 distanciábase das correntes e dos modos daquilo no que pensamos se pensamos na poesía dominante nos 80. Non é unha poesía tan culturalista, aínda que tamén o é. Paréceme moi significativo que en Denuncia do equilibrio haxa diálogo con algúns nomes escollidos, pero o procedemento de cita é a xeito de colaxe, integrando esas citas de Rilke, de Cirlot, no propio texto. Pero non usa ese sistema tan reiterado nos 80 que era a cita clásica na cabeceira do poema. A súa intertextualidade é máis escollida, a súa carga retórica moito máis lixeira, e ten algo que hai moi pouco neses 80 canónicos: a ruptura da linguaxe, a vocación de experimentación. Niso creo que é no que máis se distancia.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]