LUCÍA ALDAO ESTRÉASE NUNHA EDITORA CON 'TODO ISTO ANTES ERA NOITE'

A poeta que baixou do escenario ao libro

A poeta que baixou do escenario ao libro
A poeta Lucía Aldao. Foto: Seyfettin Dincturk.
A poeta Lucía Aldao. Foto: Seyfettin Dincturk.  

“Hai que entreterse. / Para que o teu corpo sexa un corpo e non todos os corpos / todas as rúas / todos os versos / todas as cancións, / hai que entreterse”, escribe Lucía Aldao en Todo isto antes era noite, o seu primeiro libro nunha editora comercial. Son poemas nocturnos, urbanos e con banda sonora, experiencias no bordo do outro, un sistema de comunicación alternativo, nada autocompracente.
 


Aldao (A Coruña, 1982) é unha das poetas contemporáneas de maior relevo. Habitual de palcos e escenarios, a súa aposta pola oralidade, o spoken word e formas híbridas entre a poesía e a música mantivérana máis ou menos afastada do papel. Máis ou menos: en 2005 dera ao prelo o o artesanal Unha ducia máis un e os seus textos apareceron en obras colectivas -Isto é un poema e hai xente detrás (Espiral Maior, 2007), por caso.

Pero algo mudou. “Apeteceume o que, por diversos motivos, nunca antes me apetecera”, explica a Sermos Galiza vía correo electrónico. O “encontro a soas coa lectora e o lector” e a “necesidade de pechar un ciclo” provocaron o seu cambio de opinión. Da man de Apiario, e con deseño gráfico de Xosé Carlos Hidalgo, atopou a vía axeitada.

“Nunca tiven nada en contra do formato libro”, di, “máis ben ao contrario, porque son consumidora empedernida, mais pasei anos sen sentilo como algo necesario para min. Tamén me impoñía moito o cambio de soporte e tiven que traballar en quitarlle ferro ao asunto”. Activa como poeta desde finais do pasado século, Todo isto antes era noite narra apenas unha parte da historia: o poema máis antigo dos recollidos conta nove anos, a maioría cinco ou seis. O resto, se cadra, tomen vida algún día.

lucía aldao todo isto antes era noite - foto apiario

“Nunca queda claro se correr é de valentes / ou de covardes / e a min non me incomoda este verso, / gústame”, afirma o poema de apertura. Dividido en seis partes, o volume recolle textos dos espectáculos de aldaolado -canda María Lado: “Non se trata só da intención de provocar un encontro máis íntimo cos textos para as persoas que adoitan virnos ver, senón que son os máis lin en público porque son nos que máis confiei”.

Atravesados, efectivamente, de nocturnidades e aleivosías, sen refugar o humor ás veces amargo, ás veces sarcástico, os poemas son, en palabras da autora, “a biografía dunha aprendizaxe sentimental”. Amor e identidade e a propia escrita poética son, ao seu ver, os eixos que vertebran unha poesía de liña clara, accesíbel e ao tempo expresión de sensacións complexas. “Hai alguén enfrontándose a elas querendo nomear, ollando con moita curiosidade as partes máis escuras e as máis luminosas das relacións coas demais ou con nós mesmas”, sinala, “non é unha grande historia, pero a min alégrame que non tire de argumentos moi evidentes”.

É poesía intimista en lugares públicos. Interrogativa porque apela de seguido a quen le. A pé de obra, polo tanto sen elevacións innecesarias. “Nacín aquí. / Para definir nacionalismo apelo ó meu corpo. / A miña infancia foi exactamente igual que a túa con mil peros / e unha guerra crónica que eu remato amando”. Certas liñas de forza identifcadas pola crítica na poesía dos 90 ecoan no traballo de Lucía Aldao. “Non me sinto parte de ningunha xeración ou grupo”, responde a preguntas de Sermos, “mais iso non significa que non estea, ou que non sexa necesario encadrarme nalgunha”.

Vinte anos de percorrido polas letras e os palcos, en todo caso, si lle crearon un público, algo talvez relacionado coa recepción de Todo isto antes era noite: en apenas un mes esgotou a primeira edición. “Desexáballe a mellor vida posíbel, pero esgotar tan rápido nin se me pasara pola cabeza”, confesa a autora dun libro cuxos tres vesos finais agardecen: “Que sorte teño / de que leas isto / pola parte que me toca”.

Nota: Lucía Aldao sostén un exemplar de Todo isto antes era noite. A imaxe procede das redes sociais da editorial Apiario.