'NOMS DE FUM'

A poeta Dolors Miquel traduce Míriam Ferradáns ao catalán

A poeta Dolors Miquel traduce Míriam Ferradáns ao catalán
Cubertas de 'Nomes de fume' na versión orixinal e na catalá. Imaxe: cedida.
Cubertas de 'Nomes de fume' na versión orixinal e na catalá. Imaxe: cedida.  

“É difícil entender a tribo, / pertencer sen ser devorado. [...] É difícil a tribo, levar o seu nome”, escribe Míriam Ferradáns na penúltima páxina de Nomes de fume (Espiral Maior, 2017). A obra, o seu primeiro libro con distribución comercial, é unha indagación adusta e inclemente sobre a familia, a comunidade, o loito. Celebrado por crítica e lectorado, a poeta Dolors Miquel vén de traducilo ao catalán.


Noms de fum chegará ás librarías en edición bilingüe. Versos tan intensos como “o seu nome é o da pantasma, / ninguén pode pronuncialo sen arder” ou “os actos litúrxicos / son variables, / non así o medo” vivirán unha nova vida en catalán. Antes de Nomes de fume, Ferradáns -colaboradora de Sermos Galiza coa sección "Palabras de fume"- publicara a plaquette Deshabitar unha casa (2017). 

A responsábel é editorial Godall, que hai tres anos publicou outro libro emblemático da poesía galega última -Celebració, de Gonzalo Hermo, en versión de Adriá Targa. Miquel (Lleida, 1960), a tradutora, é un dos nomes de referencia da escena poética catalá. O seu último libro, El guant de plástic rosa [A luva de plástico rosa] (2016) ten versión castelá, a cargo da poeta galega Miriam Reyes.