ESCOLMA DE AUTORAS INÉDITAS EN VOLUME INDIVIDUAL

Poetas no exterior dos libros

Poetas no exterior dos libros

“puxémosche música electrónica / e luces rosas estroboscópicas / por enriba dos recordos e as hortensias / estabas tamén naquela rave ás 6 da mañá dando de comer ás pitas”, escribe Nuria Vil no poema A crespa de Comesaña. Vil (Vigo, 1993) é a autora que pecha Dentes para a mazá, antoloxía subtitulada Doce poetas en creación.
 


Publicado por Chan da Pólvora, o libro recolle obra, foto e autodefinición dunha ducia de escritores e escritoras novos, nados no tramo final do século XX. “Serán protagonistas e voz do século que andamos. Non publicaron aínda un libro individual en galego pero están creando obras de entidade tan poderosa que o seu fascinio resulta ineludible”, di o breve entroito da escolma.

Segundo este texto -non asinado individualmente-, as novas poetas “abeiran das propostas convencionais pero, sobre todo, tomaron a decisión de falar desde ámbitos que ata agora foran opacos”. Spoken word, fotografía descentrada, colaxes lingüísticas ou grafiti son algúns dos métodos que as antologadas empregan para atinxir a función poética. Canda poemas escritos en cru, salvaxes e destemidos, íntimos e políticos, agrarios ou urbanos, herméticos ou experienciais.

dentes para a mazá - doce poetas en creación (cuberta)

No impresionante Cosmogonía, Iago González (Vilar de Barrio, 1999) expón a súa xenealoxía nunha enumeración con rastros beat e de Olga Novo: “De ti. De quen es? / De Riobó, Xocín, Lamamá e de Castro de Escuadro, / de Maus, o Folón, a Eirexa, / de Cancillós e de Aldea de Abaixo, / de Castro, da Lamuxá, de Pías, de Rebordechau e de Calvelo, / das Carballeiras, de Vilanova, do Calvario, da Aldea de Arriba / e de arredor, das calellas”. Non é compartida.

Por caso Estela Pan (A Coruña, 1980), tamén videoartista, entende a poesía nun territorio entre desaxustes lingüísticos, ruído e imaxes esborranchadas. “Crier au ciel ata non ser ela mesma jusqu'au ne plus voir mes yeux dese xeito”. Ou Alexandre Fernández (Pontevedra, 1996), que coordina “o selo de poesía en acción Chanzo” da editora de Dentes para a mazá mais que aquí amosa poemas obxectivistas, conscientes da violencia estrutural: “E é nese instante no que o mundo se disolve procurando -a significación _ distress _”.

“Aman con plenitude, rebélanse con sangue rebordándolles o corazón, impúlsanse co combustible do coñecemento libre, escriben en ortografías desacomplexadas, conciben a poesía como unha confluencia de antecedentes non sempre literarios”, afirma o limiar, “enxertaron o seu corpo nun discurso que é máis resistente que a mesma forza da gravidade”.

Amais das autoras e autores citados, o volume inclúe obra de Serxio Abalo (Caldas de Reis, 1998), Alfonso Traficante (Ferrol, 1995), Belén Senín (Pontecesures, 1999), Eilún Del Pazo Moa (Vigo, 1996), Vanessa Glemsel (Vigo, 1987), Lupita Hard (Caracas, 1993), Daniel Amarelo (Ferrol, 1993) e Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995).