As poetas Xela Arias e Luísa Villalta revisitadas dez anos despois

As poetas Xela Arias e Luísa Villalta revisitadas dez anos despois
Xela Arias e Luísa Villalta
Xela Arias e Luísa Villalta  

Con poucos meses de diferencia cúmprense dez anos da desaparición inesperada de dúas das poetas máis singulares da  súa xeración. Xela Arias e Luísa Villalta deixaron na memoria unha obra intensa e unha lembranza  viva que agora a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega revisita nunha xornada que terá lugar o próximo día 26 de marzo. 


“Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século”,é o título da xornada coordinada por Ana Romaní e Arturo Casas que traerá á memoria dúas figuras claves da cultura galega contemporánea dea anos despois do seu falecemento. 

Poeta e tradutora, Xela Arias tiña nacido en 1962 e a morte sorprendeuna en 2003. Poucos meses despois a cultura galega perdía a Luísa Villalta, poeta, música e ensaísta que nacera en 1957. A Comisión de Igualdade do CCG lembra agora ás dúas creadoras de maneira conxunta, como “representativas da representativas da progresión que desde mediados dos anos 80 supuxo a presenza das mulleres como axentes, referentes e xestoras culturais no país”. 

Maiormente desde Vigo, Xela Arias, e desde A Coruña, Luísa Villalta, “participaron en intervencións colectivas, promoveron iniciativas, exploraron relacións interculturais a través da tradución e doutras vías experienciais e discursivas e sentiron, ademais, a atracción por indagaren nos espazos intersticiais en que as diferentes artes converxen por uns ou outros motivos e derivas”. 

Poetas, persoas que se teñen achegado as súas obras e mesmo amizades de cada unha delas compoñen un programa que se iniciará cun achegamento aos seus perfís estéticos, intelectuais e políticos da man de Chus Nogueira para Xela Arias e Xosé Mª Álvarez Cáccamo no caso de Luísa Villalta, nunha mesa moderada por dolores Vilavedra. 

Achegas e novas linguaxes 

“As mulleres nas prácticas culturais dos 80 e os 90” será o título do encontro no que Helena González e María Ruído, partindo das dúas figuras protagonistas, arrancarán a reflexión arredor do tempo no que as súas traxectorias se desenvolveron, alentadas tamén polo pensamento feminista, cun coloquio moderado por Margarita Ledo Andión. 

“Andar a cidade, andar o corpo. Achegas críticas sobre poéticas, topografías, xénero (s), mundos” xuntará na mesa a tres nomes da creación contemporánea como Estíbaliz Espinosa, Rexina Vega e Antón Lopo, presentada por Carme Vidal, xa na sesión de tarde para rematar a xornada con “Interartes: laboratorio e experiencias”, a presentación dun conxunto de propostas artísticas creadas arredor da obra das poetas por Antía Otero nenoescuro, Maribel Longueira e 2US moderada por Uxía Senlle, deixando á vista a vixencia das obras das dúas autoras en linguaxes artísticas actuais. 

Illa Bufarda prepararon para a xornada o audiovisual “Xela e a palabra/ Música e poesía en Luísa Villalta”, que se presentará ás 13.30 horas.