DISCO-LIBRO

Pondal alén do himno

Pondal alén do himno
[Imaxe: X. Díaz]
[Imaxe: X. Díaz]  

 “Pondaliana” é o título do disco-libro coeditado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e A Mesa pola Normalización Lingüística que contén quince poemas musicados dun dos grandes escritores da literatura galega, Eduardo Pondal. O cedé, que xa está á venda, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora dun proxecto que pretende achegar a obra do escritor pontecesán ao gran público.


O proxecto Pondaliana, que xa está á venda en formato disco-libro, ideouse hai xa catro anos ao abeiro da Sociedade Cultural Medulio para conmemorar o centenario do pasamento dun dos grandes clásicos da literatura galega do XIX. Daquela, a entidade ferrolá artellara un espectáculo audiovisual que, despois de moito traballo pola complexidade que aparellaba, foi presentado en xuño de 2017 no Teatro Jofre da cidade naval.

O profesor Francisco Rodríguez, promotor desta iniciativa e autor dalgunhas das melodías destes quince poemas musicados, apunta que, a diferenza das actividades anteriores, consistentes en pequenas montaxes escénicas de poemas dos outros dous grandes clásicos do século XIX –Rosalía e Curros–, en 2013 “demos un salto cualitativo”. “Intentamos, grazas á colaboración desinteresada de varios cantores e cantoras e de instrumentistas, todos eles e elas dunha grande cualificación e calidade, achegar esa poesía musicándoa como cancións”, explica. Resultado dese interese foi a colaboración co Grupo Tempo Catro para musicar varios poemas de Cantares Gallegos co gallo do 150 aniversario da súa publicación e que deu a luz un CD, editado pola AS-PG, que levaba por título Rosalía, os ollos que falan.

Con esa experiencia ás costas, Medulio decidiu preparar un espectáculo para conmemorar o centenario da morte de Pondal. Foi en xuño de 2017. “Nada menos que quince poemas do poeta máis esquecido dos tres grandes do XIX, autor do himno galego, cobraron vida inusitada e mostraron ao público canto descoñecemos de nós mesmos, canto minusvaloramos o que temos e que tesouro poético está esperando a ser descuberto para gozo de todos a través en concreto da música”, sinala Rodríguez.

Xoán Costa: "Pensamos que tiñamos que dar a coñecer a través da música os nosos referentes de maior valor literario entre a mocidade do país"

Do mesmo xeito que as iniciativas anteriores, esta contou co apoio da AS-PG (á que se sumou tamén A Mesa pola Normalización Lingüística). O seu presidente, Xoán Costa, lembra que cando comezaron a preparar os primeiros discos sobre clásicos da poesía galega o público obxectivo era a escola, “pois pensamos que tiñamos que dar a coñecer a través da música os nosos referentes de maior valor literario entre a mocidade do país”.

Un reto

“Musicar poemas dos grandes poetas é frecuente noutras literaturas e países”, engade Costa, “e para nós era un reto tamén apoiar un proxecto que profundiza no valor do autor do himno póndolle música a algúns dos seus poemas. Nese sentido, coido que o disco ofrece unha visión distinta da que acotío se ten de Pondal, cunha ampla variedade de ritmos e estilos que demostra que a poesía dos nosos clásicos está perfectamente inserida na modernidade musical”.

Francisco Rodríguez: O centenario pasou sen pena nin gloria e a única actividade de calado e con moito traballo detrás foi o musical Pondaliana

No caso de Pondal, subliña Rodríguez, as circunstancias que rodearon os actos conmemorativos foron un acicate. “O centenario”, láiase, “pasou sen pena nin gloria e a única actividade de calado e con moito traballo detrás foi o musical Pondaliana”. Concibido deste xeito e artellado como un percorrido vital do protagonista, foi clave a colaboración de músicos como Xoán Padín, Alberte López, Lidia Piñeiro, Roberto Vázquez, Alberte Maceiras ou Andrés Pazos, profesor do Conservatorio que, lembra o promotor, “se encargou ademais de lograr a colaboración de varios compañeiros e compañeiras e do propio centro”.

Entre todos eles foron seleccionando os poemas que serviron de base ao espectáculo a partir da edición feita polo profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro. “Fomos propoñendo melodías e ideas musicais para cada un dos poemas seleccionados e, para a gravación do disco, houbo unha nova achega, a de Alberte Núñez”.

Un proceso participativo

Andrés Pazos, un dos protagonistas do traballo que xa está á venda, engade que o proceso creativo do disco “foi moi ecléctico, xa que recolle as visións musicais de varias persoas. A miña aportación foi a de pórlle música ás melodías ideadas e cantadas por Francisco Rodríguez, con quen mantiven un contacto permanente ao longo de todo o proceso”. O profesor de piano do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol sinala que “intentamos facer unha escolma de pezas diferentes e con elas construír unha historia no escenario do teatro enfrontando a visión do Pondal novo coa visión do Pondal vello. Fixemos varias reunións entre os participantes e cada un de nós escolleu as obras coas que máis se identificaba”.

A complexidade de dotar de melodía e instrumentación os poemas de Pondal vén dada pola complexidade da súa propia poesía, sen obviar tampouco o feito do reto que supón musicar as composicións da persoa que ten acadado toda a sona posíbel como autor do poema que se convertería no himno galego. Segundo Pazos, “cando os poemas son simétricos, é mais doado poñerlles música que cando son irregulares. Tamén depende un pouco da instrumentación que leve cada un. Con todo, penso que as ideas preconcibidas hainas que deixar no punto de reciclaxe, non digo máis”.

Outra das participantes activas do proxecto é a vocalista Lidia Piñeiro. Para ela, un dos aspectos máis interesantes do proceso creativo “foi ver a transformación que foron experimentando os temas; os comezos sempre son difíciles, mais logo semella que as pezas do crebacabezas musical van encaixando até chegar á composición final. Foi un proceso longo, coas súas altas e baixas. Persoalmente, moi enriquecedor. Aprender das súas verbas, o traballo cos músicos, o directo, a gravación do disco… Que lindo poder encherte de cultura e arte!”. Resalta ademais Piñeiro a importancia deste traballo no sentido de que “a música chega dun xeito moi directo ao corazón da xente e darlle vida aos poemas a través da música axuda a facelos máis presentes nas nosas vidas”.

Eliminar etiquetas

Agora, coa publicación cedé, ponse punto e á parte a un proceso creativo intenso e laborioso que, polo demais, transcende a faciana artística para contribuír a amosar unha imaxe diferente de Pondal. Nesa liña, Andrés Pazos considera que o disco “é un bon xeito de prenderlle lume a certas etiquetas que de xeito gratuíto algunha persoa coloca os nosos e ás nosas autores e autoras sen ter en conta o contexto histórico e persoal de cada un deles ou delas. Pondal é un machista e Rosalía é todo tristura e unha muller arcaica. Cando afondas nas súas obras, como cando contemplas a ampla obra pictórica de Castelao, dáste de conta de que os galegos ás veces tratamos mal o noso”.

Andrés Pazos: “O disco é un bon xeito de prenderlle lume a certas etiquetas que de xeito gratuíto algunha persoa coloca aos nosos e ás nosas autores e autoras"

Neste posicionamento acredita Francisco Rodríguez. O do disco “é un camiño útil e de grande impacto. Rompe clixés e estereotipos sobre o poeta, sobre a poesía galega do XIX, e leva a gozar con algo que moita xente pensaba superado e outra mira cos ollos da reticencia e mesmo de desdén... É unha síntese ilustrativa do mundo pondaliano, que, malia as súas contradicións, non é esa caricatura que se quere facer del como racista, machista ou pederasta. Xa se sabe o éxito que teñen entre nós as descualificacións á lixeira sobre valores da cultura nacional, emitidas con máis atrevida ignorancia e mala intención que con rigor e coñecemento de causa”.

Por todo iso, para o profesor ferrolán “un dos maiores acertos e que rechamarán a quen escoite o cedé é que vai atopar co ramiño musical máis variado que seguramente escoitou nunca na música galega”. E, para rematar, insiste en que “todo o traballo foi feito desinteresadamente, por convicción e por persoas que deben partillar as profesións das que comen, con esta dedicación a espallar o valor da nosa poesía clásica, neste caso o de Eduardo Pondal, que ben o necesita”.

Onde mercalo?

O disco, ilustrado por Leandro Lamas, está á venda na loxa da AS-PG e da Mesa pola Normalización Lingüística, alén de en librarías, a un prezo de 12 euros e recolle 15 poemas musicados de Eduardo Pondal. Podes escoitar un tema de balde na loxa da AS-PG.