‘Pondaliana’ ofrece un concerto no Museo do Pobo

‘Pondaliana’ ofrece un concerto no Museo do Pobo
'Pondaliana' ponlle música a quince poemas de Pondal.
'Pondaliana' ponlle música a quince poemas de Pondal.  

Esta sexta feira, 29 de novembro, a música de 'Pondaliana' aviva Eduardo Pondal no Museo do Pobo. A entrada é de balde.

 


O Museo do Pobo Galego acolle, esta sexta feira 29 de novembro, ás 20 horas, o concerto 'Pondaliana: Quince poemas de Eduardo Pondal musicados'. Trátase dun concerto que amalgama sons propios da tradición galega, como a gaita, con aqueles máis contemporáneos, como o saxo ou as guitarras. E dentro, as letras de Pondal, vivas e actuais. Unha imaxe totalmente diferente e anovada dun dos maiores referentes da literatura de noso para achegalo ao gran público. Entre os poemas musicados no espectáculo atópanse “O combate de Dumbría”, “Afiade esas fouces”, “Eu son galeguiña” ou “Carballos de Carballido”. No escenario poderemos ver a Lidia Piñeiro, voz, Alberto Maceiras, gaita e saxo, Xoán Padín, voz e guitarra, Andrés Pazos, piano, e Fernando Couce, percusión. A entrada é de balde até completar aforo.

Pondal alén do himno

Pondaliana é un libro disco editado pola Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) que naceu para conmemorar o centenario do pasamento do nobre bardo bergantiñán.

O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicas coordinadas polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora do proxecto. Entre as músicas que participan no cedé atópanse Xoán Padín, Alberte López, Lidia Piñeiro, Roberto Vázquez, Alberte Maceiras, Andrés Pazos e Alberte Núñez.

O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicas coordinadas polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio

Onde facerse con Pondaliana?

O libro disco está á venda na loxa da AS-PG e da Mesa pola Normalización Lingüística, alén de en librarías, a un prezo de 12 euros. E tamén se pode escoitar un tema de balde na loxa da AS-PG.

Cartaz de Pondaliana, en Compostela, no Museo do Pobo Galego.