"SETE FALARES"

Pontevedra, epicentro do conto

Pontevedra, epicentro do conto
[Imaxe: @SeteFalares]
[Imaxe: @SeteFalares]  

O Encontro Internacional de Contadoras e Contadores de Historias, “Sete Falares”, está a facer de Pontevedra a capital da narración oral.


Máis unha primavera, a cidade do Lérez vira en capital epicentro do mundo do conto. Faino da man de “Sete Falares”, o Encontro Internacional de Contadoras e Contadores de Historias que desde a pasada quinta feira e até o domingo está a ter lugar en distintos espazos de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que parte do Concello e dos galegos Pavís Pavós.

 

Nesta ocasión, o festival, orientado principalmente ao público adulto, conta coa presenza de narradoras e narradores do Camerún, Portugal, Zamora e tamén Galiza. Así, no día de hoxe, quen o desexe poderá gozar de balde da actuación da portuguesa Susana Cecilio, a partir das 19 horas no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) e ás 22 horas; 22.20 horas; 22.40 horas e 23 horas, desde o Teatro Principal, encetarán as Rutas de Historias, que percorrerán a cidade, en grupos de 60 persoas. Quen participe, tamén de balde, poderá desfrutar da arte oral de Susana Cecílio (Portugal); Sofía Maul (Portugal); Boniface Ofogo (O Camerún); Guti (Zamora) e Quico Cadaval (Galiza).

 

O domingo o CITA acubillará, de novo de balde, ás 12.30 horas as narracións de Sofía Maul e ás 19 horas as de Guti. Ás 21 horas o Teatro Principal acollerá a clausura, cunha rolda de narradoras e narradores, entre os que se atoparán Pavís Pavós; Sofía Maul; Susana Cecílio; Boniface Ofogo; Guti e Quico Cadaval (entradas a 3 euros).

 

“Sete Falares” inaugurouse a quinta feira, día 7, da man de Quico Cadaval e durante a sexta feira, día 8, contou coa presenza dos galegos Pavís Pavós; Sofía Maul; Boniface Ofogo; Susana Cecílio; Quico Cadaval e Guti.



x