Pontevedra homenaxeará á mestra Ernestina Otero Sestelo

Pontevedra homenaxeará á mestra Ernestina Otero Sestelo
Ernestina Otero (Album de mulleres)
Ernestina Otero (Album de mulleres)  

O Concello de Pontevedra renderalle homenaxe no mes de maio a Ernestina Otero Sestelo, profesora da entón Escola Normal que chegou a dirixir con ideas renovadoras antes do golpe militar. O acto de recoñecemento enmarcarase no simposio “Represaliadas e resistentes” que forma parte do dentro do proxecto “A memoria das mulleres”.


Dentro Simposio “Represaliadas e resistentes” que nesta segunda edición se dedicará á situación da escola e as mestras tanto durante o golpe militar como durante o franquismo que se enmarca dentro do proxecto “A memoria das mulleres”, o Concello de Pontevedra homenaxeará á que fora directora da Escola Normal da Cidade, Ernestina Otero Sestelo, unha muller de ideas renovadoras que padeceu a represión franquista.

Natural en Redondela onde naceu en 1890, Ernestina Otero foi profesora na Escola Normal (Maxisterio) de Pontevedra, centro que chegou a dirixir durante a República e que impregnou das súas ideas renovadoras no ámbito pedagóxico. Defendeu os dereitos das mulleres, entre eles os da formación, e manifestouse en 1933 a favor do estatuto de autonomía. Despois do golpe de 1936, Ernestina Otero foi suspendida de emprego e soldo e no seguinte ano separada definitivamente da profesión o que a levaría a ter que sobrevivir impartindo aulas particulares.

Coa revisión do seu expediente e despois de estar suspendida do emprego durante dous anos, pasa a impartir aulas na Escola Normal de Ourense. Durante todo o tempo, Ernestina Otero Sestelo desenvolve tamén un importante labor de axuda a fillos e fillas de vítimas da represión franquista. Só en 1951 puido volver a Pontevedra, onde finou aos 65 anos.

Enciclopedia de mulleres

A decisión de homenaxear a Ernestina Otero Sestelo tomouse na primeira xuntanza de traballo do consello asesor do proxecto “A memoria das mulleres” que, coordinado polo concelleiro Luís Será ten como obxectivo recuperar e difundir a memoria das mulleres de Pontevedra.

Ademais de facer reconto das actividades desenvolvidas até agora, con especial atención aos centros de ensino, o Consello aprobou o primeiro borrador do documento base para a elaboración da enciclopedia das mulleres, un traballo que recollerá datos biográficos e nomes de mulleres que viviron na cidade desde o século XIV até metade do XX. A enciclopedia incluirá ensinantes, comerciantes, bruxas, nobres, escritoras, vendedoras de peixe, científicas, artistas ou encaixeiras. A navegante Isabel Barreto (sec XVI), as meigas Ana Rodríguez e Leonor da Fonte (séc XVII), as encaixeiras Micaela de Boxas ou Dominga de Lemos (séc XVIII), a comerciante Clara López (Almacéns Clarita); as ensinantes Josefa Iglesias Vilarelle, Ernestina Otero ou Daría González García; as pintoras Carmen Babiano ou Mercedes Ruibal; as escritoras Aurora Vidal, Olegaria Dieste ou María Victoria Moreno,  fotógrafa Cándida Otero ou a científica Inmaculada Paz Andrade son algúns dos nomes que incorporará a Enciclopedia. 

Desde o proxecto elaborarase tamén unha proposta para intensificar a presenza de mulleres en espazos públicos, dándolle nome a equipamentos e instalación ou desenvolvendo roteiros urbanos que destaquen a presenza das mulleres na historia da cidade