Pontevedra lembra ás mulleres que defenderon a liberdade

Pontevedra lembra ás mulleres que defenderon a liberdade
Homenaxe "Mulleres con memoria" no ano 2007
Homenaxe "Mulleres con memoria" no ano 2007  

A Xunta afogou a política institucional de recuperación da memoria que se desenvolvera durante o bipartito, mais a defensa de accións públicas contra o esquecemento deféndense a nivel institucional no Concello de Pontevedra que bota a andar un programa para recuperar a historia das mulleres que defenderon a liberdade e que terá no “Simposio sobre a represión franquista contra as mulleres” dos días 7 e 8 de xuño unha das súas principais actividades. 


Cómpre continuar coa investigación, divulgación e homenaxe ás persoas que defenderon a liberdade e foron por iso vítimas da represión e, en maior medida, das mulleres, dobremente silenciadas. Con este punto de partida, o Concello de Pontevedra desenvolverá unha programación específica encamiñada a dar a coñecer e recoñecer o labor das mulleres na loita contra o franquismo. 

Unha das persoas que está á cabeza desta programación que quere contribuír a recuperar a memoria está o Concelleiro Luís Bará, Director Xeral de Cultura no bipartito que botou a andar a ampla programación de recuperación da historia que se prolongou en toda a lexislatura mais tivo o seu punto álxido no ano 2006, recoñecido oficialmente pola Xunta como Ano da Memoria. 

Por vez primeira desde o goberno da Xunta se asumía unha política pública de recuperación da memoria que se fundamentou en tres eixos básicos, por unha banda a investigación -do que naceu o proxecto interuniversitario “Os nomes e as voces”, pioneiro na recuperación da memoria-, difusión, coa organización de congresos, exposicións, publicacións e apoio directo ás asociacións, e homenaxe, con históricos actos de recoñecemento do papel daquelas persoas que eran memoria viva do golpe militar e a posterior represión. 

Coñecemento e recoñecemento ás mulleres

Pasados xa catro anos da entrada do PP no goberno da Xunta que supuxo o esfarelamento de todas as liñas abertas de recuperación da memoria desde o goberno, en Pontevedra consideran que o coñecemento e o recoñecemento das persoas ás que se lle debe a loita pola democracia non se pode interromper e, nese sentido, nace un programa de actividades que se focaliza de maneira especial nas mulleres, cun dobre esquecemento na historia. 

As mulleres como peza fundamental da resistencia, como vítimas da represión e depositarias e transmisoras de memoria son as protagonistas deste programa que bota a andar o Concello de Pontevedra a través das súas concellarías de Cultura e Patrimonio, e que integra desde traballo de difusión en barros, parroquias e centros de ensino con proxeccións de audiovisuais e conferencias até a organización das “Xornadas sobre a represión franquista contra as mulleres” que terán lugar os días 7 e 8 de xuño. 

A presentación do proxecto “Digna rabia” da man de Ángel Rodríguez Gallardo e M. Victoria Martins, a proxección do documental “As silenciadas (Historia de mulleres represaliadas na posguerra” de Pablo Ces con guión e investigación de Aurora Marco ou a apertura da exposición “Vermellas. Chamábanlles “rojas” da USC-Campus de Lugo, comisariada por Carme Blanco son algunhas das actividades que integra o programa. 

Unha homenaxe cun roteiro da represión franquista de xénero en Pontevedra guiado por Pepe Álvarez Castro terá lugar o venres 28 de xuño a partir das 20 horas. 

Simposio sobre a Represión

O programa xira tamén arredor do “Simposio sobre a represión franquista em Galiza (1936-1975). As mulleres: vítimas da represión, protagonistas da resistencia” que terá lugar no Pazo da Cultura os días 7 e 8 de xuño e que xuntará à boa parte das persoas que investigaron e traballaron pola recuperación da memoria das mulleres. 

Dúas das máis destacadas investidoras e difusoras da historia das mulleres abrirá e pecharán o simposio de Pontevedra. A profesora Carme Balanceo será a encargada de inaugurar ás 17.15 do venres 7 as intervencións coa conferencia “Memoria, mulleres, represión, resistencia e liberación” mentres Aurora Marco pechará o simposio o sábado 8 ás 19.15 coa titulada “Galegas na resistencia antifranquita”

Entre as dúas charlas, darase conta do estado da investigación, das políticas públicas da memoria e o seu desmantelamento, ou de experiencias particulares de recuperación da historia, alén da homenaxe pública tributada a un grupo de persoas que viviron directamente o golpe militar e a represión que veu despois. 

Entre as distintas intervencións, Andrés Domínguez Almansa presentará os resultados do proxecto Nomes e Voces, Julio Prada falará do franquismo e a represión de xénero, Ana Cebreiros achegaranos á Sección Feminina, Victoria Martíns ás galegas nos cárceres franquistas e Xosé Álvarez Castro á represión contra as mulleres en Pontevedra. Luís Bará repasará as políticas públicas da memoria na Galiza e os grandes fitos de recuperación que tiveron lugar no goberno da Xunta de 2005-2009. 

A inscrición nas xornadas está aberta e faise a través do enderezo electrónico [email protected]