A Pontevedra de María Victoria Moreno

A Pontevedra de María Victoria Moreno
A escritora María Victoria Moreno.
A escritora María Victoria Moreno.  

Os escenarios de vida dunha escritora axudan a explicar a súa obra. E viceversa. Algo así defende a xornalista Montse Fajardo, autora de O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (Concello de Pontevedra). “Intentei pescudar na súa vida e ao pescudar na súa vida, comprendes moi ben a súa obra”, di Fajardo.
 


María Victoria Moreno (Valencia de Álcantara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005) chegou á cidade onde morreu en 1963. Alí atopara traballo o seu primeiro marido. Ela preparaba oposicións. Aprobaríaas dous anos máis tarde, o que a levaría a unha decisiva estadía en Lugo. Pero volveu ás ribeiras do Lérez en 1967. Agás un pequeno período en Vilalonga, xa nunca abandonaría Pontevedra.

 

“As chiscadelas á cidade e á súa xente son continuas nos seus libros”, explica a Sermos Montse Fajardo (Vilagarcía de Arousa, 1973), “pero sobre todo aparecen as persoas, antes que Pontevedra”. Pon un exemplo: “Carlos Godoy era o director do instituto Torrente Ballester e o seu amigo. Sempre contaba que quixera ser bombeiro. En Guedellas de seda e liño (1999) sae Carlos Godoy, xefe de bombeiros”.

o_escalon_de_ulises

Tamén na súa célebre Anagnórise (1988) aparece unha profesora que fuma e conduce moi ben. Na mencionada Guedellas..., unha rapaza que se relaciona con alguén que consume drogas. A tentación autobiográfica irrompe así, aos anacos, disfrazada. Non é o caso das súas pezas poéticas, compiladas postumamente por Xavier Senín en Elexías de luz (2006).

 

“O libro de poemas contén o pregón en verso que preparou para a Feira do Libro da cidade [a comezos dos 2000]”, relata Fajardo, “e é unha loa total á nova Pontevedra de Lores, a esa Pontevedra humanizada e o peonil”. A Moreno prestáballe a expulsión do automóbil do casco vello pontevedrés. Era a maneira que tiña de se atopar con veciñas e amigas e pararse a botar unha parrafada.

 

Como parrafadas botaba no escalón de Ulises que dá título ao traballo de Montse Fajardo. A expresión ten correspondencia real: no barrio de Campolongo, nos anos 80, María Victoria Moreno adoitaba pasear a cadela. “Xuntábase con nenas e nenos aos que lles mercaba larpeiradas e cos que sentaba nunha escada para lles contar a historia de Ulises”, lembra a xornalista, para quen a anécdota encerra elementos de categoría: “Era quen de converter calquera lugar nunha aula e dar clase en calquera lugar. Engaiolaba os alumnos”.

 

A memoria da autora de Diario da luz e da sombra (2004) non se esvaeceu por entre as rúas do seu lugar de adopción. “Non a coñecín, pero 12 anos despois, moitos dos seus estudantes aínda se emocionan e choran ao falar dela”, expón Fajardo, “impresionoume moito o viva que está”. Dunha maneira semellante á súa obra, da que a autora do Escalón de Ulises rescata Onde o aire non era brisa (2009).

 

“Foi traducida por Xavier Senín, porque é unha versión da súa primeira novela, Alcores de Donalvar, escrita en castelán en 1969 e gardada nun caixón. É un canto contra o caciquismo”, reivindica, “que reflicte a tristura da posguerra e a España caciquil. É literatura para adultos”. Despois de explorar a “Pontevedra dos afectos”, Montse Fajardo tamén volveu á escritura de Moreno. Talvez porque, como dicía o viúvo de Moreno, Pedro Ferriol, e lembra a xornalista, “o mellor xeito de coñecela é ler os seus libros”. 



x