Pontevedra reencóntrase con Francisco Carballo

Pontevedra reencóntrase con Francisco Carballo
Francisco Carballo
Francisco Carballo  

Un roteiro percorrerá pola cidade do Lérez os lugares do historiador, militante nacionalista e una das persoas impulsoras de Sermos Galiza, falecido en 2014.


O sábado 26 Pontevedra acollerá un roteiro organizado pola Asociación de Amigos de Francisco Carballo e no que se percorrerán algúns dos lugares da cidade ligados a este historiador e militante nacionalista falecido en 2014.  

O percorrido iniciarase ás 11:30 horas na Praza da Ferrería, diante do Café-Bar Carabela, para dirixirse ao Concello onde haberá unha recepción a cargo do alcalde, Fernández Lores. De aí iniciaranse os roteiros Martín Sarmiento e Castelao fusionados pola zona vella da cidade.

Na Rúa Maceda decorrerá, xa ás 14:30, un acto vindicativo do vencello de Francisco Carballo coa cidade, despois do que se realizará un xantar de confraternidade. Xa pola tarde, visitarase o centro de FP da Xunqueira, onde Carballo impartiu aulas entre 1986 e 1990.

Francisco Carballo, nado en Asadur (Maceda) o 8 de marzo de 1925 e finado en Salamanca o 29 de novembro de 2014, deixou unha obra de enorme significación para a comprensión do século XX na Galiza, desde as perspectivas da historia, o xornalismo e a teoloxía. Implicouse desde sempre no impulso de iniciativas culturais no ámbito do nacionalismo, como A Nosa Terra, e foi membro fundador do Sermos Galiza, percorrendo o país animando a participar neste proxecto comunicativo.

Da súa ampla traxectoria como historiador e teólogo, esta publicación destaca diversas obras sobre a historia de Galiza como A igrexa galega, Alexandre Bóveda; Breve Historia de Galiza; Martín Sarmiento, ou xa como coautor, Historia Xeral de Galicia ou  Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70.