14 E 15 DE SETEMBRO

Pop enerxético e garaxe punk no Xiria Pop de Carballo

Pop enerxético e garaxe punk no Xiria Pop de Carballo
Os portugueses The Parkinsons. Foto: cedida.
Os portugueses The Parkinsons. Foto: cedida.  

A Sala Dublín de Carballo é a sede do festival Xiria Pop de Carballo. Que inicia esta noite, sexta feira 14 de setembro, dous días de pop enerxético, garaxe punk e derivados.
 


Abrirá o certame, entre os de máis aguzada personalidade do verán galego, a psicodelia de Melange. Formados en Madrid, o seu son contén arestas experimentais e aires folk. Contan dous discos na súa traxectoria. Despois actuarán The Safes, procedentes de Chicago (EE UU) e que se moven no que a revista Rolling Stone denominan “pop atómico”.

cartaz xiria pop 2018

O prato central da primeira xornada servirao o leonés Cooper. Líder da máis célebre banda do revival mod do Estado, Los Flechazos, a súa carreira en solitario ampliou o seu campo de batalla. Tiempo, Temperatura, Agitación é o título do seu disco máis recente, aparecido este ano e no que o power pop non tan power forma a pasaxe sonora dominante.

O sábado 15 de setembro, tres grupos tomarán o relevo. Futuro Terror, de Alacante, exporán o seu último traballo, Precipicio (2018), “unha intensa crítica ao capitalismo e á posmodernidade” de raíz post punk. Logo será a quenda dos portugueses The Parkinsons, que elixen para se autodefinir o mesmo lema que The Who: “Maximum rock & roll”. Pecharán The Odballs, rock & roll garaxeiro e salvaxe chegado de Málaga.

As entradas para o Xiria Pop custan 10 euros para cada día, 15 o abono para os dous.



x