NOVO LIBRO HOMENAXE AO PINTOR EXILIADO

Por amor a Luís Seoane

Por amor a Luís Seoane
De esquerda a dereita, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane en 1955.
De esquerda a dereita, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane en 1955.  

Da envergadura da figura artística e intelectual de Luís Seoane apenas hai dúbidas. Outro asunto é a súa consideración. Polo menos, así opina a editora Rosa Espiñeira Pan, de Figurandorecuerdo(s)edicions, que desde 2007 organiza agasallos a miúdo en forma de libro ao pintor exiliado. Certezas Alumeadas titúlase o último, que presentou en Carral a pasada sexta feira.
 


O volume xunta unha vintena de artistas cuxa obra gráfica acompaña textos de Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979). Entre eles, Fernando Arenaz, Baldo Ramos, Caxigueiro, Séchu Sende e fillas, Xosé Vizoso ou Edmund Baoudin.  Ao seu carón, poemas como O honor de Galicia ou A diadema de Ribadeo, fragmentos de ensaio como O Museo Carlos Maside, unha nota necrolóxica a Henri Barbusse, prosas inéditas como El nudo del roble.

agasallo luís seoane

 

Espiñeira Pan inaugurou os seus Agasallos a Luís Seoane cunha lectura de textos na Coruña e unha apropiación colectiva dos seus métodos “furtivos” de debuxo. Dous anos despois, en 2009, editaba Heroes de Galiza e España, orixinal de 1948 que Maruxa Seoane -viúva do artista- cedera a figurandorecuerdo(s)edicions para a versión en galego. Os actos sempre conclúen cunha plantación, a de tres rudas e un allo verde. Lembran Tres hojas de ruda y un ajo verde o Las narraciones de un vagabundo, un libro de Seoane que aparecera na editorial que el mesmo conducía, canda Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela, no exilio arxentino: Botella al mar.

 

Poemas alumeados (2010) -a súa poesía con pinturas de contemporáneos- ou a reedición dun escrito que dá a medida da intelixencia estratéxica do Seoane artista -Acerca da integración das artes (2012)- conformaron outros agasallos. “Eu o que quero é que a xente saiba de Seoane”, explica Rosa Espiñeira.

 

O seu labor de apostolado laico iniciouse nos tempos de estudante. “Eu non son moi lectora de poesía, mais, curiosamente, a Seoane coñecino pola poesía”, di, “logo souben que era pintor”. De formación historiadora da arte, decátase de que a súa obra pictórica “non está inventariada”. En 1987 viaxa a Arxentina con ese propósito e coñece Maruxa Seoane.

 

“Foime imposíbel facer o catálogo razoado”, indica, e lamenta: “Que pasa con este señor? Non entendo o pouco que se valora, o pouco que se coñece e que interesa. Supoño que porque era libre e non se debía a ninguén”.

 

Desde o agasallo do pasado ano, Espiñeira Pan trasladou a celebración a Carral. Desa bisbarra procedía a familia de Maruxa Seoane, cuxa figura a editora reivindica. “Estou tratando de facer un libro sobre ela. Porque sen Maruxa non habería nada, nin o traballo de Seoane sería coñecido. A ela tamén se lle debe a Fundación”, conclúe. De momento, a pasada sexta feira a Casa da Cultura de Carral acolleu o XII Agasallo a Luís Seoane, Certezas Alumeadas.

 



x