Por que se penduran xestas nos carros durante o Primeiro de Maio?

Por que se penduran xestas nos carros durante o Primeiro de Maio?

Durante a xornada do 1 de maio son moitos os carros que nas súas dianteiras levan colgadas unha rama de xesta, ao igual que moitos negocios. Cales son as orixes e os porqués desta tradición galega? 


Nas Rías Baixas e no norte de Portugal a entrada de maio supón a transformación floral das rúas. Entre a tarde do 30 de abril e a xornada do 1 de maio, multitude de negocios, casas e carros (sobre todo estes últimos) son decorados coa flor amarela característica das xestas. Son moitas as persoas que participan desta tradición e que descoñecen o seu porqué.

Para explicar a orixe deste rito cómpre remontarse ao espazo simbólico que ocupa a xesta na cultura galega, unha planta á cal se lle asignan propiedades máxicas, como a capacidade de rexeitar os meigallos e de atraer a bonanza. Segundo o arqueólogo, museólogo e o experto en etnografía, Felipe Senén, estas son crenzas que conviven no imaxinario social desde o Neolítico, “época na que o ser humano se decata de que a natureza dá moitos remedios” e momento no que, por esa razón, “se comeza a domesticala”.

O uso desta flor amarela como elemento recorrente na cultura galega comeza aí, máis cabe recalcar que cada época “vai poñendo aportes concordantes ao seu momento”, como aclara Senén. Así pois, nun primeiro intre as xestas adornaban casas, fiestras e carros, mais na actualidade esta práctica está asociada aos negocios e aos carros. Aínda que os colectores cambien, o obxectivo segue sendo o mesmo: afastar os maleficios. Como explica o arqueólogo “o ser humano tenlle medo a males climatolóxicos, enfermidades e malos andazos e este é un dos ritos para esconxuralos”.

Ademais da concepción da xesta como forma de espantar os males, a tradición tamén ten unha vertente naturalista. É un rito que relaciona os seres humanos coa natureza e que exalta a flor como símbolo da fecundidade e da bonanza da colleita agraria. “Se as plantas florecen dan froitos, e se dan froitos, dan sementes, algo que representa o ciclo vital”, conclúe Senén.