O PP pon en perigo as festas do barrio de San Pedro en Compostela

O PP pon en perigo as festas do barrio de San Pedro en Compostela
.
.  

O goberno municipal do PP négase a subministrar os enganches eléctricos para a popular Feira da Primavera e pon en perigo as populares Festas do Barrio e a tradicional cacharela. O barrio está en pé contra o alcalde. 


En poucos anos, as festas de San Pedro convertéronse nas máis populares, divertidas e multitudinarias da cidade. En tres citas anuais, a Feira da Primavera, as Festas do Barrio e a cacharela de San Xoán, as rúas e prazas que poñen fin ao Camiño de Santiago na entrada á cidade convértense nun fervedoiro de xente, cos comercios con postos na rúa e multitude de actividades nun espazo adornado no que a cor e a alegría son as protagonistas. Responsábeis da milagre de San Pedro son os veciños e veciñas que, agrupados na Comisión de Festas e na Asociación A Xuntanza, organizan por medio do voluntariado as festas máis exitosas da capital galega. 

Agora, esas mans que fan festas, érguense en guerra contra o concello. O goberno municipal presidido polo alcalde Agustín Hernández négase a subministrar os enganches eléctricos para a vindeira Feira da Primavera, causando un revés á previsión da veciñanza difícil de superar. En rolda de prensa aseguraron que, malia a decisión do goberno do PP, a Feira da Primavera seguirá adiante, malia teren que reducir a programación. Non poden xa confirmar a realización das Festas de San Pedro e a cacharela de San Xoán, en perigo agora pola negativa do goberno municipal de garantir o único apoio que ofrecía ás multitudinarias conmemoracións, financiadas enteiramente pola veciñanza e o comercio da zona. 

Impedir que a cultura se mova nas rúas

A Xuntanza’ e a Comisión de Festas de San Pedro denunciaron en rolda de prensa que a decisión non afectará só as súas festas senón tamén a actividades que queira desenvolver a veciñanza, asociacións culturais e colectivos nas rúas. “Desde A Xuntanza e a Comisión de Festas reclamámoslle ao Concello unha solución a este asunto, non ilegalidades ou chamullos, porque para iso están as institucións: para apoiar as necesidades das persoas e os colectivos cidadáns, máxime cando desenvolven iniciativas que fortalecen ás comunidades e que están pensadas no ben común. Para iso están os impostos que pagamos”, sinalan. 

A protesta das dúas entidades súmase o conflito que o goberno municipal ten cos locais programadores de espectáculos no casco histórico da cidade. O último dos chanzos do desencontro saldouse coa paralización da programación do Ultramarinos que nos últimos anos ofrecía pequenos espectáculos de música e teatro de forma continuada.