Premio Ari[t]mar da Amizade Galego-Lusófona para Narf

Premio Ari[t]mar da Amizade Galego-Lusófona para Narf
Fran Pérez, Narf
Fran Pérez, Narf  

Os Premios aRi[t]mar veñen de recoñecer a Fran Pérez 'Narf' co galardón “Embaixada da Amizade galego-lusófona” a título póstumo.


Foi onte, 24 de abril, coincidindo co seu 49 aniversario, cando o xurado resolveu concederlle este recoñecemento por ter "contribuído á divulgación da música e da poesía galego-portuguesa actuais, para achegar a cultura e a lingua dos dous países ao abeiro da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e os vínculos coa lusofonía".

A entrega desta distinción á súa familia, ao igual que ás gañadoras nas modalidades de música e poesía, realizarase na gala que se celebrará en outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no escenario en que un ano atrás actuaba por última vez.

O xurado acordou conceder a Fran Pérez, Narf (Silleda 1968 - Compostela 2016) por ser un cantante e compositor "dedicado a construír pontes de colaboración e afecto no ámbito lusófono". Narf deu o seu último recital compartindo escenario coa banda mozambicana Timbila Muzimba, por mor da celebración do Womex na capital. Con anterioridade, tiña desenvolvido o proxecto “Aló irmão”, co músico guineano Manecas Costa. Foi un dos grandes defensores e impulsores do achegamento musical entre Galiza e a Lusofonía.

Na gala aRi[t]mar Galiza e Gortugal desta edición actuarán -segundo a organización- Sés, escollida como mellor artista musical galega, e Quinta do Bill, seleccionada como a mellor banda portuguesa. 

Aberto o certame de poesía

Ademais, permanece aberto o prazo para as votacións do certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até o 20 de maio, por tres poemas da Galiza e tres de Portugal nesta web

Os poemas galegos finalistas son "Baldosas" (Carlos Negro); "Marcela & Elisa (A Coruña - 1901)" (Carlos Negro); "Nunca mascotas" (Paula Carballeira), "TERRADENTRO" (Paco Souto); "Poema malva" (Charo Lopes); "A morte" (Francisco Cortegoso); "Memoria" (Paula Carballeira); "Parque" (Rosalía Fernández Rial); "Encoros" (Lara Dopazo) e "Parir un lugar" (Olalla Tuñas).

Pola banda portuguesa, os finalistas son "Penso em ti" (Alexandra Santos); "Tragam-me un home que me levante com os olhos" (Cláudia R. Sampaio); "Mortos" (Ana Cunha); "Um tempo, um sítio, dentro de circunstâncias" (Miguel Cardoso); "Compramos o jornal à sexta-feira" (Miguel Cardoso); "Vem à quinta-feira" (Filipa Leal); "Europa "(Filipa Leal); "Amor adiado" (Ana Correia); "Vazio" (Angelino Santos Silva) e "Fui a Bruges esquecer um amor" (Pedro Craveiro).



x