O Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado

O Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado
Manuel Bragado. Foto: Janite
Manuel Bragado. Foto: Janite  

O editor Manuel Bragado é o gañador do premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo  “Illa Soidade” no que reflexiona arredor dun vello que vive na rúa, no centro de Vigo. 


O editor Manuel Bragado é o novo gañador do Premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo “Illa Soidade”, publicado no xornal diario Faro de Vigo do que é colaborador. No artigo, Manuel Bragado repara, como todos os días e todas as noites, nun vello que vive na rúa, no centro de Vigo e reflexiona, cunha coidada lingua e unha tensión que convida á lectura, sobre os "sen teito" ao tempo que, desde a imaxe do home da rúa Urzáiz faise preguntas sobre o seu pasado, as razóns que conducirían a súa vida e mesmo sobre o seu futuro, nun artigo de corte social e forma literaria que toma o título da novela da escritora An Alfaya, “Illa soidade”. 

Manuel Bragado é un dos máis activos comunicadores, tanto na súa constante presenza na rede como en distintos medios de comunicación, tanto escritos como radiofónicos. Artigos, comentarios e información -en especial do ámbito cultural- son asinados cada día polo editor de Vigo e tamén un dos axentes culturais máis dinámicos no ámbito comunicativo. O seu blog bretemas.com é un referente na información cultural e, en especial, arredor do mundo do libro. 

O premio Fernández del Riego está convocado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés e está dotado con 6.000 euros.