A GALA SERÁ O 30 DE MARZO

Premio de Honra dos María Casares para a Revista Galega de Teatro

Premio de Honra dos María Casares para a Revista Galega de Teatro
Portada da RGT de 1996 (nº 13)
Portada da RGT de 1996 (nº 13)  

A Asociación de Actores e Actrices de  Galicia (AAAG) vén de anunciar que lle concede este ano á Revista Galega de Teatro o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece a longa traxectoria desta histórica publicación. 


O premio será entregado durante a gala dos XX Premios María Casares, que se celebrará no Teatro Rosalía da Coruña o vindeiro 30 de marzo. Deste xeito, a Revista Galega de Teatro (RGT) únese á nómina de profesionais, entidades e colectivos teatrais que recibiron o citado premio desde a súa creación en 1997.  Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, a Sala Nasa, Xosé Manuel Olveira Pico ou Vicente Montoto. 

A directiva da AAAG, encargada de outorgar este galardón, recoñece así o labor da Revista Galega de Teatro como ferramenta imprescindible de difusión da actividade teatral. “Este é un recoñecemento inescusable que tardamos en facer desde a Asociación e quixemos concederllo neste ano tan especial, no que celebramos a vixésima edición dos nosos premios”, sinala Vicente Mohedano, presidente da AAAG. Para Mohedano, a RGT é un exemplo dentro do xornalismo cultural do país que sempre “creou debate” ao redor das artes escénicas, “informou sobre a realidade do sector” e “alimentou a crítica”. “Estes tres elementos son esencias para o desenvolvemento dun sistema teatral que precisa de iniciativas tan importantes e tan comprometidas como é a Revista Galega  de Teatro”, sentencia Mohedano. 
 
A AAAG creou o Premio de Honra Marisa Soto co obxectivo de distinguir a dedicación e a carreira de persoas ou entidades que, ao longo dos anos, impulsaron a dignidade e a profesionalización do sector escénico en Galicia.
 
Os Premios de Teatro María Casares chegan neste 2016 á súa vixésima edición. Este ano, 14 son os espectáculos finalistas que se disputarán os galardóns das catorce categorías nas que se dividen os premios. O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, aspira a levar 8 galardóns; Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, opta a sete, e Presidente, do Teatro do Morcego, aspira a cinco. A gala celebrarase no Teatro Rosalía da Coruña o próximo 30 de marzo, estará presentada polo grupo Chévere e, como é habitual, conta coa colaboración e patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña ou o Concello da Coruña.