Alejandro Tobar e Mona Imai, premios Plácido Castro de tradución

Alejandro Tobar e Mona Imai, premios Plácido Castro de tradución
alejandro
alejandro  

A xaponesa Mona Imai e o galego Alejandro Tobar impuxéronse na nova edición do Premio Plácido Castro de Tradución.


A Alejandro Tobar premiáselle a tradución de O forasteiro misterioso, de Mark Twain, a derradeira novela do autor. Do traballo de Tobar, o xurado destaca a “viveza do estilo e a naturalidade da lingua que leva a un pracer lector certamente estimable”.

O Plácido Castro premia, nesta nova edición, un dos nomes que máis se teñen destacado á hora de promover a tradución de distintas literaturas a nosa lingua. Da man de Alejandro Tobar naceu a editorial Hugin e Munin, unha iniciativa que ten como obxectivo fundamental traer para o galego obras, en especial, das literaturas inglesa e francesa, as nórdicas e as de literaturas minorizadas aínda que o seu catálogo está aberto a obras de calquera lingua. A editorial, que naceu a fins de 2011, funciona á maneira de clubs ou círculos de lectura, apoiado de maneira especial por subscricións que garanten a publicación de, cando menos, oito libros ao ano, dous por cada trimestre. 

No catálogo de Hugin e Munin, Tobar asina traducións de obras de autores como Jules Verne, Daniel Barredo, Morgan Robertson, Edgar Wallace, Mark Twain ou Paul Morand, entre outras. Comprometido coa necesidade da tradución para o galego de cara a normalización da nosa cultura, Alenjandro Tobar elaborou a fins do pasado ano o informe “De recompensas e cazatesouros” no que denuncia o sistema de adxudicacións de axudas públicas á tradución e ofrece unha proposta para o cambio de modelo. 

Á xaponesa Mona Imai o xurado recoñécelle o seu labor pola tradución da obra Botchan, novela do escritor nipón Natsume Soseki, publicada por vez primeira en 1906. A obra parte da propia experiencia de Natsume Kinnosuke -verdadeiro nome de Soseki- e achéganos á vida dun profesor de Tokio construíndo unha das novelas máis lidas nos últimos anos en Xapón. Do traballo de Momna Imai o xurado destaca a “sutileza e capacidade para traer para o galego unha obra creada nunha cultura distante como a xaponesa”. 

O xurado do premio, que se reuniu esta cuarta feira en Pontevedra, estivo composto por Susi Castro Sineiro (Fundación Plácido Castro),  Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Camiño Noia Campos (Asociación de Tradutores Galegos), Xosé Antón Palacio (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Antón Santamarina (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.



x