O premio de poesía galega Afundación vai para Islandia

O premio de poesía galega Afundación vai para Islandia
Elías Portela
Elías Portela  

Elías Portela ou tamén  Elías Knörr é o gañador do XII Premio de Poesía Afundación pola súa obra Bazar de traidores. Portela- Knörr é xa un recoñecido escritor en galego e islandés, lingua da que é tradutor. 


O premio de Afundación e o Pen Club recaeu nesta nova edición nun dos escritores con perfil máis singular da literatura galega. Natural de Cangas do Morrazo, onde naceu en 1981, o autor ten obra publicada con dous nomes, Elías Portela -para a escrita en galego-e o pseudónimo Elias Knörr para a asinada en islandés, lingua na que é traductor e na que conseguiu situarse como un dos nomes de referencia da poesía actual máis renovadora. Unha Erasmus foi o que levou a Portela a Islandia, país no que actualmente continúa residindo. 

Imaxes na pel, publicada en 2009 na editorial Morgante foi o seu primeiro libro ao que seguiría ao seguinte ano Cos peitos desenchufados en Barbantesa. En islandés o escritor agochou a súa orixe estranxeira adoptando o Knörr por apelido e chegando a ser considerado como un dos tres nomes máis representativos da poesía irlandesa pola Poetry Society de Reino Unido en 2010.  Nese mesmo ano publica Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum co seu pseudónimo mais o grande suceso da obra abriría as portas a que a editorial descobrira a súa verdadeira identidade. Elías Portela é tamén tradutor da litertura islandesa contemporánea,de autores como Sjón ou  Einar Már Gudmundsson. Portela é cronista de cultura islandesa no Diario Cultural da Radio Galega desde Reikiavik. 

A sorpresa da plica

O xurado formado polo presidente do Pen de Galicia, Luís González Tosar, o secretario da entidade, Óscar Xabier Castro ademais de Bieito Iglesias Araúxo, Francisco Pérez Lorenzo e María Dolores Villanueva valoraron a innovación da obra, a combinación de rexistros culto e popular ademais do sentido do humor dos seus poemas. Consideraron que o poeta está a actualizar “o legado da vangarda histórica de Manuel Antonio usando unha linguaxe expresiva dun contexto contemporáneo, cosmopolita e á vez inserido nunha forte identidade persoal”. 

“Foi unha sorpresa abrir a plica e descubrir que gañador é un autor de referencia en lingua islandesa, consagrado de tal maneira, que falar de Elías en Islandia é falar da renovación da súa poesía nacional”, sinalou o presidente Luís González Tosar na rolda de prensa na que se comunicou o fallo do premio, que consiste na publicación do libro na colección “Arte de Trobar” e está dotado con 6.000 euros.