Os Premios da Crítica de Galicia recoñecen a investigación e a creación

Os Premios da Crítica de Galicia recoñecen a investigación e a creación
Premios da Crítica de Galicia
Premios da Crítica de Galicia  
Moncha Fuentes, Satélite Lume-1, o Festival de Poesía do Condado, Xan Carballal, Soledad Penalta, Rut Balbís, Lucía Freitas e a serie Fariña gañan os Premios da Crítica de Galicia.

Baixo o lema Teñamos o valor de darnos o futuro desenvolveuse a entrega dos Premios da Crítica de Galicia.

Trescentas persoas representativas de distintos ámbitos da sociedade e do mundo cultural da Galiza déronse cita en Vigo no acto de entrega dos Premios da Crítica de Galicia, nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

"Que o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir", afirmou Bieito Ledo

Bieito Ledo, presidente da Asociación Premios da Crítica de Galicia, apelou no seu discurso ao futuro: «O século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia. Galiza dedicouse a observar, crear, recoller, xuntar e soñar para que chegase un estourido de grandeza e harmonía en todos os ámbitos da nosa cultura. Os galegos sábense fillos dun paraíso e capaces de definírense cunha soa palabra: NÓS. Amigas e amigos: que o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir», afirmou.

'O mar que nos leva', de Moncha Fuentes, Premio de Creación Literaria

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, premiou Moncha Fuentes coas súa obra O mar que nos leva. Quixo salientar o xurado «o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparábel. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa».

Satélite LUME-1, Premio de Investigación

Na modalidade de Investigación o xurado acordou conceder o premio a Satélite LUME-1 «por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galiza, literalmente, no espazo».

 

Festival de Poesía do Condado, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O Festival de Poesía do Condado gañou o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas. O xurado salientou que se trata «dun dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna». Salientouse tamén «a súa continuidade, mesmo en condicións moi adversas, así como a remuda xeracional na organización e a súa evolución ampliando focos». O xurado sinalou que «é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica».

Xan Carballal, Premio de Música

O xurado salientou «de Xan Carballal unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións».

Soledad Penalta, Premio de Artes Plásticas

O xurado outorgou a Soledad Penalta Lorenzo o galardón das Artes Plásticas e salientou da artista «a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante renovación iconográfica e conceptual».

Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas

O xurado premiou Rut Balbís polo «seu impecábel e incansábel traballo como bailarina e coreógrafa, pero tamén polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza na Galiza, en por crear tecido, redes e espazos para achegara a danza a todos os públicos, como é o proxecto RPM que impulsou xunto a outras persoas. Destacamos tres palabras de Rut Balbís; talento, resistencia e xenerosidade».

  

A Fariña (serie), Premio de Cine e Artes Audiovisuais 

A serie Fariña fíxose co Premio de Cine e Artes Visuais. O xurado salientou que «ademais da evidente calidade das produción e realización e dos traballos dos seus equipos técnico e artístico, polo considerábel esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galiza no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para TV, abrindo un sólido camiño para as persoas profesionais, produtoras e historias propias».

Lucía Freitas, Premio de Cultura gastronómica

Tamén houbo acordo para outorgar por maioría o premio a Lucía Freitas, de quen se salientou «o seu papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia.»  «O xurado destaca a súa evolución como cociñeira nunha aposta pola internacionalización que culmina cunha estrela Michelin. Lucía Freitas salienta ademais como exemplo de empoderamento das mulleres na cociña, demostrando que é posíbel ser muller, empresaria e creadora de excelencia no noso sector gastronómico».