Preséntanse máis dun cento de novelas á convocatoria en galego do Torrente Ballester

Preséntanse máis dun cento de novelas á convocatoria en galego do Torrente Ballester
Carlos Reigosa, o último escritor en galego que gañou o Torrente [Foto: Madrigallegos]
Carlos Reigosa, o último escritor en galego que gañou o Torrente [Foto: Madrigallegos]  

Nada menos que 101 novelas se presentaron á primeira edición do Premio de Narrativa Torrente Ballester que se convoca coa modalidade de lingua galega. 


Esta primeira convocatoria do Premio, promovido pola Deputación da Coruña, acadou cifras de récord: 18 obras finalistas das 101 presentadas, o que supón máis do dobre da edición que máis obras en galego recibiu: a do 2009 con 47 títulos. 

Supoñemos que a razón que explica semellante éxito é a dotación económica, que ascende a 25.000 euros, máis do dobre dos máis suculentos premios da literatura en galego que existían até o momento: o Repsol de Narrativa Curta (12.000 euros máis publicación), o Blanco Amor (ídem) e o Xerais de novela (10.000 euros incluíndo os dereitos de autor dos 3.000 primeiros exemplares vendidos). 

Nesta edición, por vez primeira, a Área de Cultura da Deputación da Coruña convocou dúas edicións separadas deste galardón, unha para obras en lingua galega e outra en castelán. Mañá día 13 de decembro coñeceremos o orixinal gañador en galego e a vindeira terza feira, día 20, será a quenda da modalidade en español. 

O xurado da modalidade galega está composto por Ledicia Costas, Mario Regueira, Ramón Nicolás, Mercedes Queixas e Eva Moreda.

Só sete novelas en galego

Dado que desde que o premio se instaurou, en 1989, se podían presentar obras en galego e español, nestes 26 anos só sete novelas na lingua propia conseguiron o galardón, todas elas escritas por homes: 'A cidade dos césares' (Víctor F. Freixanes, 1992); 'Que me queres, amor?' (Manuel Rivas, 1995); 'Un xogo de apócrifos' (Xosé Carlos Caneiro, 1996); 'A memoria do boi' (Xosé Vázquez Pintor, 2000); 'As humanas proporcións' (Xesús Constenla, 2003); 'A choiva do mundo' (Xosé Manuel Pacho, 2007); e 'A vida do outro' (Carlos Reigosa, 2008).