ANSELMO LÓPEZ CARREIRA

"A presenza da Galicia medieval quedou marxinada"

"A presenza da Galicia medieval quedou marxinada"
A historia, por todas é ben sabido, escríbese sempre desde o presente. Neste senso, constitúe unha das principais ferramentas para lexitimar a nosa realidade. Dinos quen somos, pois o seu propio discurso fala de como quen escribe quere verse a si propio. No caso da Galiza, marxinada ou ausente, a normalización do país pasa por unha historiografía que considere a entidade política que o reino tivo no seu momento, anulada pola construción do discurso nacional do Estado español. O historiador Anselmo López Carreira (Vigo, 1951) acaba de publicar o libro Arte e escritura na Galicia medieval (séculos VI-X), no que reflexiona precisamente sobre a necesidade de facer unha historia medieval que se axeite á dimensión que Galiza tiña de facto na época. Un interese que atravesa a súa obra e será tamén o obxecto divulgativo do vindeiro traballo que xa ten en mente. is un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.

É posíbel unha consideración e categorización axeitada da nosa produción cultural medieval sen ter en conta a existencia do reino da Galiza?

Evidentemente, non. Ese é quizais o aspecto máis importante do traballo que se acaba de publicar. Máis que sentar teses estilísticas acerca de cal tipo de arte había, ou renomear a letra –aínda que á visigótica non ten sentido chamarlle así–, a reflexión que fago de base é que desde o momento en que se centra a nosa historia en nós mesmos e se recupera a existencia dun reino da Galicia, todo o que se move ao seu redor, no que se inclúe a produción cultural, hai que observalo desde ese punto de vista. Polo tanto, cómpre recuperar a nosa entidade e, unha vez feito iso, recolocar todo o demais, é dicir, cambiarlle as coordenadas. 

mini-anselmo

A que se debe daquela a resistencia da historiografía oficial a asumir Galiza como unha realidade política diferenciada durante a Idade Media?

Xustamente estamos un colega e mais eu reflexionando sobre ese asunto neste momento. Eu creo que á hora de buscar as causas faise bastante complicado, porque non podemos caer na simplificación de que desde fóra nos maltratan. Desde logo, se tivésemos producido de maneira continuada unha historiografía potente, teriamos os elementos de defensa da nosa propia historia. Hai un proceso en conexión dialéctica, por iso é moi difícil saber que é antes. Ao longo dun período, Galicia entra nunha situación de dependencia que se manifesta a todos os niveis: político, económico e, naturalmente, tamén cultural e historiográfico. Porén, a razón pola que se produce ese fenómeno é unha interacción entre fenómenos externos e internos. Desde Castela, expoñámolo desta maneira, que ademais é correcta, hai a partir do século XV un proceso de expansión do Estado coa lingua como compañeira do imperio, e na Galicia vai haber unha serie de sectores hexemónicos que se acoplan a esa situación de dominio. Á hora de repartir responsabilidades e identificar causas temos entón que mirar dentro e fóra. A min paréceme determinante o feito de que na Galicia non tivese existido desde a Baixa Idade Media (séculos XIV‑XV) un grupo ou clase social –primeiro nobreza, despois burguesía–, que fose capaz de asumir un proxecto de país. No entanto, pregáronse  a unha nova organización na que a Galicia quedaba nunha situación dependente. Houbo unha fidalguía que se adaptou e unha burguesía que despois reclamou o poder proteccionista do Estado español, e ningunha delas foi quen de producir unha cultura e unha historiografía propias. Ao contrario, son as grandes receptoras dos modelos culturais importados.

E esta dinámica mantense na actualidade?

A min paréceme determinante o feito de que na Galicia non tivese existido desde a Baixa Idade Media (séculos XIV‑XV) un grupo ou clase social –primeiro nobreza, despois burguesía–, que fose capaz de asumir un proxecto de país

Si, continuamos até hoxe. Inclusive cos medios de comunicación masivos, nos que se percibe moi ben na actualidade que aquí hai unha gran maioría da poboación que vive arredor desa mensaxe cultural, ou moitas veces infracultural, importada e dominante.

Que foi realmente o reino de Asturias e que se agocha tras esta construción historiográfica?

É o produto dunha construción historiográfica que se vai facer desde o centro, procurando xustificar unha raíz da España contemporánea que atopa un punto de partida moi cómodo no reino visigodo. Este tivo sen dúbida a súa importancia, como tamén a tiveron o suevo, o estrogodo ou mesmo Franco. Pero no pasado medieval localízanse unha serie de elementos que permiten asentar o sustento ideolóxico e cultural do que vai ser o Estado español contemporáneo. No mundo visigodo hai unha raíz centroeuropea, xermánica, dun Estado católico que responde á aceptación do Estado contemporáneo español dunha serie de elementos do antigo réxime, entre outros o gran poder da Igrexa. Faise ademais unha idealización do sistema territorial da Península Ibérica que non é certo baixo un mundo visigodo. Tamén se introducen elementos do liberalismo, como as cortes, cuxa raíz se pon nos concilios de Toledo. Todo resulta moi oportuno. O problema é que nun momento determinado se estende o islam pola península. Como tender unha ponte entre os visigodos e a Idade Media? Pásase a Asturias por medio de Pelayo e suponse que se crea un reino en continuación do anterior. En realidade, a documentación non nos permite falar nunca do reino de Asturias, senón de reis que teñen a súa residencia en Oviedo. Pero non se debe esquecer que a concepción clásica, desde Orosio pasando por Isidoro de Sevilla, é que tanto Asturias como Cantabria son parte de Gallaecia. Neste senso, debemos ter en conta que, cando falamos da Galicia medieval, non falamos da comunicade autónoma, senón dun territorio diferente, como acontece en todos os países europeos. O que se fai é crear un suposto reino de Asturias que logo traslada a capital a León e convértese no reino de León, mentres Galicia neste traspaso de etapas queda completamente de lado. Tampouco hai que pensar que se trata dunha maldade contra Galicia, senón da oportunidade dese outro modelo para construír a España contemporánea. Invéntase tamén o mito da reconquista, como se antes fose destes reinos cristiáns medievais, e da repoboación. É todo unha construción moi propia da concepción romántica do século XIX. O problema é que estamos no XXI e séguese a manter no fundamental. 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]