DOMINGO 29 DE SETEMBRO

A primeira proxección de 'O que arde' na Galiza será en Navia de Suarna

A primeira proxección de 'O que arde' na Galiza será en Navia de Suarna
Fotograma de 'O que arde', filme de Oliver Laxe protagonizado por Benedicta Sánchez (na imaxe) e Amador Arias. Foto: Numax distribución.
Fotograma de 'O que arde', filme de Oliver Laxe protagonizado por Benedicta Sánchez (na imaxe) e Amador Arias. Foto: Numax distribución.  
O que arde volverá ás súas orixes. Navia de Suarna, nos Ancares, acollerá a súa primeira proxección pública na Galiza o vindeiro 29 de setembro, domingo. Participará o director do filme, Oliver Laxe, e o equipo técnico e artístico, incluídos os intérpretes protagonistas Amador Arias e Benedicta Sánchez.

En Navia de Suarna naceu a celebrada obra de Laxe, premio do Xurado Un Certain Regard no último festival de Cannes, agora na sección Perlas do de Donosti e que viaxou ou viaxará a máis de 40 certames por todo o mundo. “Regresa ao corazón da Serra dos Ancares, onde se orixinou”, sinala Numax, a empresa de Compostela encargada da súa distribución para Galiza e o Estado español. A implicación da veciñanza como extras de rodaxe ou colaboradores na loxística certifica esa relación.

Pero é que o casting de actores que descubriu a Arias e a Sánchez tamén se fixo en Navia de Suarna, de onde procede a familia do propio Oliver Laxe (Paris, 1982). O concello dos Ancares achegou parte das paisaxes da fita, que se completou en zonas de Cervantes e Becerreá. A proxección do 29 de setembro será na praza da vila.

Estrea en salas o 11 de outubro
Despois da premiere de Navia de Suarna, O que arde pasará polo Festival de Ourense e polo Curtocircuíto de Compostela. O 11 de setembro chegará ás salas comerciais da Galiza e do Estado, con estreas xa confirmadas en múltiples cinemas.