JORGE COIRA, DIRECTOR DE ‘GET BACK’

“É a primeira vez na vida que dirixo teatro e agardo que non sexa a última”

“É a primeira vez na vida que dirixo teatro e agardo que non sexa a última”
Jorge Coira xunto con todo o equipo de 'Get back'
Jorge Coira xunto con todo o equipo de 'Get back'  

O cineasta Jorge Coira abandonou as pantallas por uns meses para dedicarse a dirixir a súa primeira obra de teatro: ‘Get back’, unha comedia dramática sobre uns galegos en Londres. Con idea de Camilo Franco e texto de Diego Ameixeiras, o espectáculo estréase o 23 de setembro en Narón cun elenco tamén de luxo: Morris, Federico Pérez, Tamara Canosa, Miguel Guido e Mercedes Castro.


- Estreades ‘Get back’ o vindeiro 23 en Narón, unha comedia sobre galegos que viven en Londres. Cóntanos o que poidas da historia. 
- Non é exactatmente unha comedia. Podería ser unha comedia dramática, un drama cómico… porque está lonxe de ser unha comedia simple. 

- Son catro galegos e un inglés que quedan pechados dentro do metro de Londres. Que acontece aí?
- Son catro galegos de distintas idades e con distinta relación con Inglaterra. Uns levan pouco tempo, outros levan moito máis. Algún está a gusto, algún non. E un inglés que quedan parados nun vagón de metro e esa hora e pico que van estar parados no metro vai provocar neles cambios. Paran e reflexionan dunha maneira convulsa e con conflito entre eles que lle fai enfrontarse ás súas propias vidas.

- Supoño que falarán da situación do país, non?
- Claro. Ademais, cando xa tiñamos o proxecto arrincado e cando finalmente se aprobou Brexit ese día ardían os teléfonos, “ei tíos temos que falar diso na obra”. Porque é algo que a todos lles afecta e é algo que xera moita inquedanza en todos os emigrantes que viven alí. Así que acabou entrando no texto. 

- É unha idea orixinal de Camilo Franco e escrita por Diego Ameixeiras. 
- Si, fixemos unha cousa moi grupal, moi de equipo. É unha proposta de Camilo de hai tempo, de facer unha obra sobre os galegos en Londres, que é unha emigración completamente diferente ás oleadas anteriores. E a partir de aí arrincamos. Para escribir o texto entrou Diego e estivemos facendo un traballo moi grupal de busca dos personaxes, cos propios actores moi involucrados, investigando nos personaxes nas súas relacións e demais, para atopar onde xurden os conflitos entre eles e por onde navega a obra. 

Viven alí pero están moi conectados co de aquí. Cousas como a morriña teñen moito menos peso porque non é difícil volver pero ao mesmo tempo non acabas de estar nin nun sitio nin noutro. 

- Dis que é unha emigración moi diferente ás anteriores. Por que?
- Porque cambia moito a época. Antes emigrar era unha opción vital de primeira orde, era deixar atrás o teu mundo e empezar unha vida completamente de cero. Agora Londres ten algo desa compoñente, pero ao mesmo tempo a conexión é moitísimo maior. Pode ‘guasapear’ cos seus amigos de aquí, viaxan en avión frecuentemente, cousa que antes era case imposible, entón é como que están noutro sitio, pero non deixan radicalmente isto. E case son máis parias agora do que eran antes, porque agora non están nin alí nin aquí. 

- Xorden problemas de identidade entón. 
- Claro, viven alí pero están moi conectados co de aquí. Cousas como a morriña teñen moito menos peso porque non é difícil volver pero ao mesmo tempo non acabas de estar nin nun sitio nin noutro. E antes era unha emigración en xeral de xente con moi pouca preparación que ía traballar no que puidese e agora é xente en xeral moi preparada que está a ter traballos moi por debaixo da súa preparación, tamén en xeral. E iso xera unhas frustracións e unhas relacións co país e coas expectativas diferentes. Logo hai de todo, claro. E Camilo estivo en Londres falando con moitos galegos e galegas para facerlles entrevistas e facer un certo mapa. Non é a nosa intención facer un retrato exacto da realidade alí porque é inabranguible, pero si poder coller elementos da realidade para a partir de aí construír a nosa ficción. 

Realmente estar durante semanas de luns a venres durante un feixe de horas centrado exclusivamente en actores, crear eses personaxes, traballar esas relacións, darlle vida, explorar eses conflitos e demais, é toda unha experiencia. 

- Arredemo, facer un traballo de investigación previo é todo un luxo. 
- Si, é unha gozada, foi marabilloso ter ese traballo. En canto volveu de Londres Camilo fomos falando moito e collendo elementos duns e doutros para crear os nosos personaxes. 

- Esta é a túa primeira dirección de teatro, non?
- Si, si. Eu estivera involucrado nalgunha cousiña das Ultranoites hai moito tempo, pero é a primeira vez na miña vida que dirixo unha obra de teatro e agardo que non sexa a última. 

- Como é o cambio?
- Xigantesco. Hai unha gran parte que ten moito que ver: o traballo e a conexión cos actores. O esencial é basicamente o mesmo, pero mentres esa parte cos actores en cine ou en tv é un elemento máis e normalmente dedícaselle pouco tempo, neste caso é case o 100%. Hai algún elemento técnico, pero é mínimo. Case todo é traballo de actores. Realmente estar durante semanas de luns a venres durante un feixe de horas centrado exclusivamente en actores, crear eses personaxes, traballar esas relacións, darlle vida, explorar eses conflitos e demais, é toda unha experiencia. 

- Despois de Narón haberá xira polo país, non?
- Si, vai estar en todas as cidades e vilas que teñan teatros minimamente grandes. Sei que Santiago estaremos o ano que vén.