Compostela acolle o primeiro Festival de Requinta da Ulla,

Compostela acolle o primeiro Festival de Requinta da Ulla,
Requinta da Ulla
Requinta da Ulla  

O primeiro Festival de Requinta da Ulla, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, será de balde e celebrarase este 9 de novembro ás 20:30 no Auditorio de Galiza. No encontro actuarán os grupos A Requinta de Xián, Luz do Ilicino, Raiola, Raeira e o cantautor Manoele de Felisa.


Xosé Manuel Lobato, presidente da Asociación Mestre Gacio, á que pertencen tres das bandas que interveñen no festival, ve moi importante a celebración deste primeiro festival de requinta da Ulla para poñer en valor “unha tradición que comezou a perderse coas migracións e corría o risco de desaparecer fóra da zona do Ulla, cando todos os grupos de música tradicional desta parte de Galiza contan cunha requinta”.

“A requinta da Ulla”, explica Xavier Canabal, quen toca este instrumento e é membro da Requinta de Xián, “forma parte do grupo das frautas traveseiras, pero é un instrumento propio da zona do Ulla datado en 1900, fabricadas todas no mesmo taller. Ademais, o termo requinta utilizámolo para denominar o instrumento, o repertorio musical e as formacións, habitualmente compostas por gaitas, requintas, caixa e bombo”.

Chámase requinta a este tipo de instrumento porque requintea. En concreto, no caso da da Ulla, está morfolóxicamente construída para que só se poida tocar na terceira octava, xa que ao tocala nas octavas inferiores comezaría a desafinar. “Imaxino”, continúa Canabal, “que a afección na zona do Ulla por tocar a frauta levou a modificar o instrumento para que se escoitara por riba das gaitas”.

O repertorio do festival estará constituído por pezas tradicionais da requinta do Ulla, algunhas adaptadas para este instrumento e varias pezas recuperadas moi recentemente e que se interpretarán por primeira vez esta sexta feira. Por exemplo, Monteviso, Leda ou Terra. Alén da requinta da Ulla, poderánse escoitar gaitas, percusión, acordeóns e varias voces.



x