CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Probaches a apagar e acender?"

"Probaches a apagar e acender?"
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

SEARCHING

(EUA-Rusia 2018, 102 min.) 

Dirección: Aneesh Chaganty
Guión: Aneesh Chaganty e Sev Ohanian
Fotografía: Juan Sebastian Baron
Música: Torin Borrowdale
Elenco: John Cho, Debra Messing, Joseph Lee, Sara Sohn, Michelle La 

SINOPSE

A policía desprega un dispositivo de busca para atopar unha adolescente desaparecida. Tras días sen aparecer ningunha pista, o pai decide buscar no ordenador portátil da súa filla antes de que sexa demasiado tarde.

CRÍTICA

O norteamericano, de ascendencia hindú, Aneesh Chaganty elixe para o seu debut na longametraxe unha técnica narrativa xa utilizada en filmes como Eliminado e Open Windows ou en series como Modern Family, concretamente no episodio 16 da tempada 6... unha marabilla conceptual que tamén foi un dos product placement (de Apple, como non) máis enxeñosos da historia da televisión. Esta técnica podería incluírse perfectamente dentro do subxénero de filmes de “metraxe atopado” (ou found footage) pero, en lugar de estar filmado todo en cámara en man e en modo subxectivo, caracterízase porque todo a acción acontece dentro da pantalla dun ordenador.

Producida polo ruso Timur Bekmambetov, responsábel do díptico de fantasía escura Gardiáns da noite / Gardiáns do día, narra a tráxica historia de David Kim (John Cho), un pai que sofre un duro revés: a súa filla adolescente (Michelle La) desaparece sen deixar rastro. A policía, coa detective Vick (Debra Messing) à fronte do caso, remove ceo e terra para atopala pero David, lonxe de quedar á marxe, decide revisar toda a vida virtual da súa filla a través do seu ordenador portátil, o lugar onde se atopan os segredos máis íntimos da súa filla pero tamén unha oportunidade de atopar unha pista que axude a dar co seu paradoiro.

Searching comeza cunha modélica presentación de personaxes a través dun paralelismo temporal entre a idade dos protagonistas e as versións de software, redes sociais e demais programas informáticos que van utilizando (ou deixando de utilizar): windows, messenger, youtube, gmail, facebook, twitter, smartphones, o whatsapp, as facetime... Cinco minutos simplemente xeniais. Paralelamente á trama tamén van deixando caer pullas contra as redes sociais e os seus perigos: o postureo virtual, as amizades irreais, as falsas identidades, o poder que da o anonimato... Tampouco queda atrás na crítica aos programas de telelixo informativo, pero sobre todo lanza unha pregunta ao aire... e non é “Probaches a apagar e acender?”... senón: “Que sabemos realmente dos nosos fillos e fillas adolescentes?” A resposta, no fondo, xa a coñecemos: “pouco... ou nada”.

Chaganty logra conxugar tensión e drama mantendo o suspense até o último momento nun final, por certo, que homenaxea, en certa forma, eses finais sorpresa moi do estilo do seu compatriota M. Night Shyamalan (O sexto sentido, O protexido). Mais, se prestamos un mínimo de atención ás pistas que van aparecendo en pantalla, é bastante probábel que podamos adiviñar, ou máis ben intuír, que pasou realmente coa filla uns minutos antes de que nolo expliquen na elaborada, pero menos estimulante, reconstrución detallada dos feitos da desenlace, quizais a parte máis forzada e menos críbel deste dignísimo thriller con mensaxe... nunca mellor dito.